Catorce persoas morreron nas prisións galegas en 2019

Cárcere de Teixeiro

O cárcere de Pereiro de Aguiar é onde máis falecementos se rexistraron, 5.

Catorce persoas perderon a vida ao longo de 2019 en prisión situadas na Galiza, segundo datos que desde Institucións Penitenciarias (II.PP) remitiron ao deputado Jon Iñarritu para responder a unha pregunta do parlamentar vasco, e que publica Red Jurídica

En todo o Estado, agás Catalunya - que ten transferida as competencias- foron 194 os presos e presas falecidas. O cárcere onde máis persoas perderon a vida foi a de León, onde morreron 14.

No que atinxe a Galiza, e segundo a información de II.PP, o cárcere de Pereiro de Aguiar é onde máis presos morreron na aliza: 5. Na cadea de Teixeiro foron 3, o mesmo número de encarcerados mortos na prisión da Lama. En Monterroso durante 2019 morreron 2 presos e na prisión de Bonxe, 1.

Preocupación

O pasado mes de outubro, o Colexio da Avogacía de Ourense e a Comisión de Asesoramento Xurídico Penitenciario deste organismo amosaban a súa preocupación polo aumento de mortes en prisión. Pedían a investigación «dilixente» de todas as denuncias por tratos inhumanos ou degradantes máis todas e cada unha das mortes que se producen no contorno penitenciario.

“Non nos podemos permitir ningunha morte máis dentro da prisión. A prisión non pode ser unha condena a morte”, indicaban.

Fernando Blanco, avogado e integrante de Esculca, o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, manifestaba nunha entrevista en Sermos Galiza que “moitas das mortes que se producen en prisión poden ter unha relación causal con neglixencias médicas, malas prácticas farmacéuticas ou situacións de acoso aos presos. Causas difusas, pouco analizadas e nunca removidas, polo que seguiremos contando por centos as persoas reclusas falecidas”.