O Sergas non garante os tratamentos de hepatite C á poboación reclusa

Estatua de Concepción Arenal en Ferrol

Na Galiza existen máis de 700 persoas portadoras nas prisións;  porén só 10 teñen acceso á medicación prevista no Plan estatal para a abordaxe do VHC. 

 

O 28 de xullo foi a conmemoración do Día Mundial contra a Hepatite C. Unha data na que a Plataforma galega de persoas afectadas polo VHC quixeron aproveitar para reclamar o dereito da poboación reclusa a acceder, coas debidas garantías, aos tratamentos contra esta doenza. 

Cumpridos 100 días desde a aprobación por parte do Ministerio español de Sanidade do Plan estatal para a abordaxe da Hepatite C, desde o colectivo avaliaron "con dor" como "aspectos cruciais do mesmo "non foron nen sequera postos en andamento". Neste senso, Quique Costas, voceiro da plataforma, asegurou en declaracións á Cadena SER o pasado 15 de xullo que teñen detectado "dous incumprimentos" no que o propio Plan sinalaba como "fundamental". 

Dunha banda, até o momento non se ten iniciado a elaboración dun censo estatal de doentes. Aliás, un dos colectivos sinalados como "poboación preferente" no acceso aos tratamentos --a poboación reclusa-- non o está a ser embora sinalar a existencia dun "risco de transmisión moitísimo máis alto". 

Na Galiza o número de persoas privadas de liberdade no interior das prisións cífrase, segundo os dados achegados polo Ministerio do Interior, en 3803. De entre elas, o 21,3%, isto é, máis dunha de cada cinco, está infectada polo VHC. Unha estatística que ascende 13 veces á ratio que atinxe a poboación non recluída (1,6%). 

A ratio de infección é 13 veces maior entre a poboación reclusa onde o 21,3% é portadora do VHC

Segundo os dados fornecidos pola Plataforma galega de persoas afectadas pola Hepatite C, por volta de 700 reclus@s serían portador@s do virus. Porén, "esas persoas non teñen, na práctica, acceso aos novos tratamentos que tan traballosamente conquistamos", sinalan. Segundo Quique Costas a plataforma só ten constancia de que "dez reclusos" estean a ser tratad@s da doenza. Así as cousas, recoñece que é "complicadísimo" acceder aos dados reais por mor da "falta de transparencia" coa que actúan Institucións Penitenciarias e o Ministerio do Interior.

Entre as razóns polas que impiden o acceso da poboación reclusa doente de hepatite C aos tratamentos atópase o conflito administrativo xerado entre o Servizo galego de saúde (Sergas) e a Sociedade española de saúde penitenciaria (Seps) dependente de Institucións Penitenciarias e do Ministerio do Interior. O problema, din, é quen debe facer fronte ao custe dos tratamentos. 

Perante o conflito administrativo o TSXG ditou sentenza o 20 de maio obrigando o Sergas a asumir o tratamento facendo prevalecer o dereito á saúde sob intereses económicos

Así as cousas, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) con data do 20 de maio de 2015 resolve o conflito en relación cun interno ao que lle foi suspendido o tratamento. Segundo a máxima instancia xudicial galega o Sergas debe facerse cargo do mesmo --incluso existindo conflito-- ao non poder prevalecer o interese económico sob o dereito á atención sanitaria. 

Perante o fallo, desde a plataforma de afectad@s polo VHC exixen que a Xunta "acate sen máis dilacións" o contido da mesma e, ao tempo, "demandamos da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias" que "cese na medida disuasoria e prexudicial para os internos de proporlles o seu traslado a dous penais de Madrid, afastándoos durante períodos de entre 3 e 6 meses das súas familias, se queren que se lles administren eses fármacos". 

Desde o colectivo lembran que "como dicía Concepción Arenal hai máis de 150 anos, só desde o respecto á condición humana das persoas en prisión, o castigo pode estar lexitimado e é posíbel a súa reinserción". Neste senso, denuncian a realidade que atinxe a poboación reclusa oculta "tras os muros construídos para evitar a súa saída ao exterior", mais tamén, para "impedir ver o que sucede detrás deles". 

Cumpre lembrar que o Parlamento de Galiza instou a Xunta hai tres meses a reclamar a transferencia da sanidade penitenciaria ao Sergas através dunha iniciativa promovida pola deputada do Grupo Mixto, Chelo Martínez. A proposición demandaba, aliás, a dotación dos medios económicos e materiais necesarios para "atender a suficiencia dinámica" que exixa a prestación do servizo dentro das cadeas, así como, incorporar a poboación reclusa ao Plan estratéxico de abordaxe da Hepatite C. 

 

No número 146 do semanario en papel Sermos Galiza publicou unha reportaxe a dupla páxina intitulada: O que agochan os muros das prisións na que afondamos sobre a situación que atinxe a poboación reclusa nas cárceres galegas, nomeadamente na Lama (Pontevedra) e Teixeiro (A Coruña).