Denuncian os cárceres en Galiza como espazos de impunidade e vulneracións de dereitos humanos

cárcere da lama

Esculca, Avogados Novos e Xustiza e Solidariedade, entre outros colectivos, propoñen medidas para acabar con esa situación e denuncian o caso de Javier Guerrero, preso da Lama que acumula máis de 130 días en greve de fame contra os ‘’abusos’’.

 

Nas cadeas do Estado español, tamén nas ubicadas en Galiza, hai malos tratos, torturas e outras vulneracións de dereitos humanos. Esta é a denuncia que varios colectivos - Esculca, Xustiza e Sociedade de Galicia, o Observatorí del Sistema penal i el Drets Humans e Avogados Novos- realizaron esta cuarta feira en Vigo nunha comparecencia para dar a coñecer a situación de Javier Guerrero Carvajal, preso na cadea da Lama que leva máis de 130 días en greve de fame.

A tortura e os malos tratos non son casos isolados, aseguran, e lembran que nestes anos houbo varias denuncias ao respecto en prisións ubicadas en Galiza. Por iso urxen as administracións a adoptar actuacións para poñer fin a esas situacións e a “facer efectivo o respecto aos dereitos das persoas privadas de liberdade”. Unha das denuncias realizadas é sobre as “dificultades” que deben enfrontar os avogados na defensa “dos dereitos dos presos”: Propoñen quendas de avogados de oficio para o réxime penitenciario, ou que os xuíces investiguen as mortes que acontecen nas prisións.

Estas peticións realizáronse durante a comparecencia na que deron a coñecer o caso de Javier Guerrero, de 33 anos e preso na cadea da Lama. Leva máis de 130 días de greve de fame para reivindicar “a fin dos malos tratos e as torturas” nas prisións. Unhas situacións que, afirman estes colectivos, o propio preso sufriu nas súas carnes. Este protestos non é un caso isolado, senón que hai outros protestos deste tipo no sistema carcelario español

Javier Guerrero “está moi mal de saúde” e perdeu máis de 20 quilogramos de peso, se ben “o estado anímico é bo”. Está desde hai tres meses no hospital mais iso non significa unha ‘relaxación’ nas súas condicións penitenciarias, lembran desde estes colectivos: non puido desde o seu ingreso ver nin falar por teléfono con ningún familiar ou achegado e as súas comunicacións reducíronse á correspondencia a través do seu avogado.

O letrado explicou que Javier Guerrero entrou en prisión a finais de 2004 por delitos contra a saúde pública e a propiedade e a súa saída do cárcere está fixado para 2020, se ben coa redución de 3 anos por preventivas aplicábeis, a súa condena finalizaría a principios de 2017. Cumpriu logo, sinalou, 2/3 da condena (3/4 ao se aplicar as preventivas) polo que podería solicitar a liberdade condicional.