As escolas Semente abren o prazo de pre matrícula para o curso 2022-23

Escola Semente de Lugo (Foto: Semente).
Ofrece prazas para a Educación Infantil en Compostela, A Coruña, Lugo, Trasancos e Vigo e para Primaria na capital do país e en Trasancos.

Este mes de marzo principia o proceso de pre matrícula nas escolas de ensino galego Semente, segundo vén de informar a entidade a través dun comunicado.

Durante a última década, salienta, "vén promovendo un ensino autocentrado e inmersivo en lingua galega" e ten prazas dispoñíbeis para o alumnado de entre 2 e 6 anos de idade en todos os seus centros —Compostela, A Coruña, Lugo, Trasancos e Vigo—.

Aliás, nas escolas de Compostela e Trasancos ofrécese tamén o ciclo de Educación Primaria, para a rapazada de 6 a 12 anos, coa certificación da New England Association of Schools and Colleges.

Desde Semente subliñan o "impulso dun modelo plurilingüe aditivo, que incorpora o estudo e posta en valor doutras linguas e culturas minorizadas no ámbito estatal e mundial, como o euskera ou o chool, unha das linguas do pobo zapatista".

A entidade, aliás, foi galardoada na segunda edición dos Prémios Mil Primaveras ao "mellor proxecto de fomento do galego na infancia e a mocidade".

Malia non contar aínda cunha escola propia en Ourense, Semente indica que nesta cidade "un grupo promotor formado por familias, educadoras e activistas" está a dar forma a "un oasis para o idioma propio, nunha cidade onde 72% das escolas infantís ofrecen un ensino maioritariamente en lingua castelá".

"A soberanía educativa debe ser construída nun duplo movemento: a reorientación da Escola Pública Galega, nas coordenadas da lexislación internacional en materia de protección dos dereitos lingüísticos, culturais e educativos dos pobos e, alén disto, no envolvemento da sociedade na consolidación do espallamento da escola popular no conxunto do territorio, nomeadamente naqueles lugares onde sofre un maior asedio", conclúen.