Semente, escolas en comuñón coa lingua e co barrio

Compostela, Trasancos, Vigo, Lugo e A Coruña. Son os lugares de acollida das cinco escolas Semente diseminadas pola Galiza, "parte dun alargado ronsel galeguista" no que a rede asociativa impulsora das bases dunha Escola Nacional Galega, en 2011, salienta as primeiras Escolas de Ensino Galego fundadas en 1923 polas Irmandades da Fala. 
Escola Semente de Lugo (Foto: Semente).
photo_camera A comunidade da Semente Lugo reunida ás portas da escola.

A aprobación do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario da Galiza no ano 2010 foi o detonante último do proxecto Semente, Escolas de Ensino Galego, cuxo primeiro impulso vai ligado á experiencia lingüística e cultural do centro social A Gentalha do Pichel, en Compostela.

A norma da Xunta da Galiza viña desterrar o Decreto 124/2007 impulsado polo Goberno bipartito que regulaba o uso e a promoción da lingua galega no sistema educativo destinando o mesmo número de horas á docencia en galego que en castelán.

Alberto Núñez Feixoo acababa de asumir a presidencia do Goberno galego, e co Decreto do plurilingüismo buscaba "a obtención dunha competencia adecuada en lingua galega sen o estabelecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias en lingua castelá" ademais de abrir as aulas a unha terceira lingua, diferente destas dúas.

Visión internacional da lingua galega

"Aquel episodio crítico", relata Sánti Quiroga, coordenador nacional de Semente, "limitaba a presenza e o uso da lingua galega na escola pública galega. Entón, decidiuse que había que apostar pola autoxestión e pola iniciativa popular na construción dos espazos que permitisen a inmersión lingüística, un sistema que favorece a aprendizaxe de diferentes linguas a partir da nosa propia, unha sorte de plurilingüismo autocentrado".

Co paso dos anos, estatísticas e estudos sociolingüísticos confirman o fracaso do modelo bilingüe de Núñez Feixoo. As cifras remarcan o declive do galego, que perde falantes entre as xeracións novas e importancia como lingua materna.

Moitas familias vían como as súas crianzas perdían o galego ao entrar na escola pública

E aos datos sobre o uso e aprendizaxe da lingua, hai que unir as chamadas de atención do Consello de Europa, que hai perto dunha década comezou a pedirlle á Xunta actuar para eliminar "as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación".

Neste contexto naceron as outras Semente, que viñeron complementar a oferta inicial da Semente Compostela en 2011. "Foron nacendo porque a necesidade era compartida por moitas familias que se vían desprotexidas polas propias institucións públicas, que non garantían o dereito a que as súas crianzas puidesen manter a lingua galega. Vían como as súas crianzas perdían o galego ao entrar na escola pública".

Unha visión internacional da lingua contribúe ao desenvolvemento de valores ligados á interculturalidade e á solidariedade entre pobos

Así, Semente sitúa a lingua no centro, unha "visión internacional" do idioma dentro da lusofonía, xa que "permite ás educadoras acceder a un gran repositorio de contidos didácticos, coopera positivamente na autoestima lingüística das crianzas e contribúe ao desenvolvemento de valores ligados á interculturalidade e á solidariedade entre pobos", precisa Quiroga.

Unha rede de escolas independentes

Tras a Semente Compostela viñeron as de Trasancos, Vigo, Lugo e A Coruña, a última en se incorporar en 2018. Constitúen unha rede de centros independentes, autoxestionados, mais tamén colaboradores na súas liñas pedagóxicas.

Os cinco imparten a etapa de educación infantil. "No sistema público non é obrigatoria e iso facilitou os trámites legais para podela ofertar. Vendo que esa mesma demanda existía na etapa seguinte, asinamos un acordo cunha axencia internacional estadounidense, Neasc (New England Association of Schools and Colleges) que nos permite desenvolver o noso proxecto educativo e sobre todo o noso proxecto lingüístico inmersivo de maneira legal e na nosa terra", explica Quiroga.

Unha solución que pode parecer contraditoria, mais tamén "exemplificadora das políticas galegófobas que está a desenvolver o Goberno galego", afirma.

Proxecto educativo 

O proxecto educativo non se pode desligar do de inmersión lingüística, apunta o coordinador nacional. "Se no lingüístico defendemos a ecoloxía das linguas, e polo tanto a defensa da nosa lingua propia, tamén defendemos esta idea no ámbito do medio natural".

A proposta de Semente, engade Sánti Quiroga, engloba diferentes dimensións que o fan "coherente" na aposta de construír "un sistema educativo laico, científico e galeguizador". Neste obxectivo, fomentan un proxecto pedagóxico moi apegado á defensa dos intereses que as propias crianzas van desenvolvendo nos espazos educativos.

A través de diversas metodoloxías como proxectos, obradoiros ou xogo libre, as crianzas van perfeccionando diferentes facetas da aprendizaxe

"É un modelo de ensino autocentrado e paidocéntrico", asegura. "Autocentrado nas súas necesidades e intereses, de forma que a través de diversas metodoloxías como proxectos, obradoiros ou xogo libre van perfeccionando diferentes facetas da aprendizaxe"; en ambientes naturais e diversos, co fin de lograr un "achegamento significativo á realidade social, cultural, histórica e natural do país".

En comuñón coa contorna

O ambientalismo, o feminismo e o barrio conforman outros tres piares fundamentais que poñen as Semente en contacto coa contorna. "As crianzas da Semente coñecen os espazos colectivos máis próximos, as asociacións e a veciñanza, que se caracteriza por cooperar polo ben común". Este achegamento, abre as portas a colaboracións externas que ademais de darlle difusión ao proxecto tamén garante o crecemento das crianzas.

Queremos ser útiles para as familias e para as crianzas

As Semente crecen autoxestionadas e ao amparo de asociacións sen ánimo de lucro mais da demanda que as propias familias van mostrando nas diferentes comarcas do país. "Neste sentido constatamos un grande apoio da sociedade galega. E iso é o mellor exemplo de que o noso proxecto é útil. É o que queremos, ser útiles para as familias e para as crianzas".

Outras redes de escolas europeas

E perseguen ese fin, en contacto con outras redes de escolas populares e europeas que desde as súas orixes defenden "o dereito a poder desenvolver unha educación na súa lingua propia", como é o caso das ikastolas (Euskadi), as bressolas (Catalunya Norte), as diwan (Bretaña) ou as calandretas (Occitania).

O sistema educativo galego omiten elementos da nosa cultura e da nosa historia que deberan ser referenciais

Mais incorporando ao legado propio e ao de quen os queira aproveitar, materiais didácticos que botan en falta no sistema educativo galego, que "omiten elementos da nosa cultura e da nosa historia, que son ou deberan ser referenciais no sistema público".

As Semente avogan por unha educación que "sexa entendida como un proceso alén da escola, permeábel de xeito que a información e o coñecemento flúan. Porque iso nutre as novas xeracións de valores, de conciencia e de novas perspectivas, para que as crianzas se poidan desenvolver como individuos libres".

Educación inclusiva

Un obxectivo que non se pode desligar dunha educación inclusiva e accesíbel, que en ocasións bate cos recursos limitados das Semente. "Lamentabelmente nalgunha ocasión non tivemos a capacidade para atendermos as necesidades de todas as familias. Porén, o noso obxectivo e ultrapasar eses límites para construírmos colectivamente un servizo plenamente accesíbel para o noso pobo".

Neste sentido, o proxecto pon o foco nas campañas de sociais mais tamén na procura de solucións colectivas para estabelecer unha rede de coidados e apoio mutuo que se vale, ademais, dun sistema de bolsas e cotas reducidas para familias con menos recursos.

Atención á diversidade

Unha vía cara a accesibilidade universal que pide, ademais, unha atención plena ás necesidades específicas de apoio educativo do alumnado. Outra cuestión "ineludíbel" para a Semente, sinala Sánti Quiroga. "Valorizamos a diversidade constitutiva das crianzas como un elemento que enriquece o proceso educativo", para o que defenden un deseño universal da aprendizaxe libre de "barreiras que limitan o desenvolvemento integral do alumnado".

Con esa vontade, advirte, procuran unha atención individualizada e adaptada ás diversas necesidades e intereses das crianzas "con ratios de non máis de 12 nenas e nenos por educadora mais coa formación continua do profesorado".

Comentarios