Semente, Dígocho Eu ou Galeguiza-T, entre os proxectos recoñecidos nos II Premios Mil Primaveras

Estes premios naceron coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio.

Alvaro Mera Semente
photo_camera Semente

A segunda edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, impulsada pola Coordenadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística, xa ten gañadores e gañadoras.

Estes premios naceron coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio.

Establecéronse seis categorías para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais: Premio ao mellor proxecto estabilizado (escollido entre aqueles que se leven desenvolvendo durante, polo menos, cinco anos), ao mellor proxecto novo (escollido entre aqueles nacidos en 2018 ou despois), á mellor comunicación e impacto (por acadar un grande impacto social e por supor un modelo positivo de comunicación), ao proxecto máis innovador (atendendo á innovación da súa maneira de intervir, da súa linguaxe, do seu ámbito de actuación), ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade (entre aqueles que teñan como obxectivo principal a socialización en galego da infancia ou da mocidade, como poboación destinataria prioritaria na normalización lingüística para garantir o futuro da lingua) e ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc..

Logo de avaliar os 37 proxectos presentados, o xurado decidiu outorgar os seguintes premios:

Premio ao mellor proxecto estabilizado:

Recoñeceuse o proxecto conxunto Enreguéifate e Regueifesta, que desenvolven os SNL de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo e os promotores da Regueifesta.  O xurado salientou que é un proxecto interxeracional, que revitaliza unha actividade tradicional conectándoa coa mocidade e introducindo valores transversais.

Premio ao mellor proxecto novo

O xurado destacou de Galeguiza-T que sexa unha iniciativa creada desde e para a mocidade, a través das súas propias redes de comunicación e incidindo nos seus temas de interese.

Premio á mellor comunicación e impacto

Dígocho eu (CRTVG) “é o fenómeno mediático do ano 2020, cunha gran proxección social”. O xurado destacou a súa frescura e influencia no conxunto da cidadanía.

Premio ao proxecto máis innovador

O Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo aproveitou a actualidade sanitaria do momento para crear un proxecto totalmente adaptado ás circunstancias da pandemia

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade

O premio da categoría destinada á infancia e mocidade recaeu no Projeto Educativo Semente, que coas súas escolas en Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo e Trasancos “constitúe un proxecto integral, ambicioso e esperanzador para o futuro da lingua, que logrou cubrir un oco, a inmersión lingüística, que a iniciativa pública deixou de lado”.

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial:

Galegoempresas é tamén o produto da colaboración entre SNL, neste caso de Santiago de Compostela, Ames e Teo, ademais de ser efectivo e exportable a outros concellos ou comarcas. Relaciona o uso da lingua con valores de calidade e proximidade.

O xurado decidiu tamén recoñecer cunha mención o proxecto O galego, a miña lingua propia do SNL da Deputación Provincial da Coruña, por consideralo un proxecto de calidade que pode servir de estímulo e modelo para outras administracións (deputacións, concellos…), adaptándoo e redimensionándoo de acordo co contexto.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a divulgalos, os proxectos premiados estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web milprimaveras.gal. O xurado dos II Premios Mil Primaveras estivo formado por Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense, Eloi Gestido de la Torre, docente de ensino medio, Silvia Muíño Naveira, técnica de normalización lingüística do Concello de Betanzos, Nerea Couselo Fernández, dinamizadora sociocultural en Xandobela, e Irene Pin, xornalista en Nós Diario. Anxos Sobriño Pérez, presidenta da CTNL, actuou como secretaria con voz e sen voto.

Os II Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Comentarios