A escola, piar da conciliación en Europa

Un mestre imparte clase a un grupo reducido na escola Champ l'Eveque tras a apertura de centros o 11 de maio en Francia (Imaxe: Europa Press)
Durante a pandemia e tras o feche de escolas infantís e centros de Educación Primaria, os Estados europeos puxeron en marcha axudas económicas ou medidas laborais para axudar ás familias a conciliar. Co desconfinamento moitos optaron por reabrir os seus centros, con medidas de seguridade, mentres na Galiza permanecerán fechados até setembro.

Os centros de día e as escolas infantís permanecerán fechados durante case medio ano por mor da COVID-19. Así o anunciou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, á vez que informou dun paquete de medidas de conciliación orzamentado en 40 millóns. Entre outras medidas, inclúese unha axuda de até 500 euros mensuais para as familias nas que as responsábeis traballen fóra do fogar e cuxos ingresos non superen os 806 euros por integrante.

Os sindicatos xa se amosaran contrarios á súa apertura co fin de favorecer a conciliación, apuntando a que a finalidade das escolas non é esa, senón a educativa. Porén, a solución para as familias non semella doada á hora de conciliar o traballo co coidado de pequenas e maiores ao seu cargo. 

Axudas á conciliación na UE

Durante a pandemia, todos os Estados da Unión Europea enfrontáronse ás dificultades da conciliación e ao mantemento da actividade laboral. O feche dos centros escolares puxo en evidencia a súa necesidade para o actual mercado laboral e as propostas de moitos Estados pasaron por ofrecer axudas económicas e compensacións para as traballadoras e traballadores que precisasen conciliar.

Como amosa un documento do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo case todas as medidas foron deseñadas tendo en conta as crianzas e non tanto as persoas maiores ou dependentes. Nel detállanse as decisións tomadas polos Estados europeos no mes de marzo, tras a declaración da pandemia pola Organización Mundial da Saúde.

En Grecia, o Goberno permitiu unha excedencia extraordinaria para os pais, nais ou titoras legais de menores durante o feche dos centros escolares no sector público. Así, estabeleceu que só un de cada catro dos días que transcorran nese período poderá ser descontado do período de descanso. No caso do sector privado, a excedencia é financiada nunha terceira parte polo Estado mentres as restantes serán cubertas pola empregada ou empregado. O Goberno chipriota aprobou unha medida similar á grega, pero aboando ás traballadoras os días de ausencia do traballo que precisen para coidar das crianzas.

En Eslovaquia, os pais, nais ou titoras legais podían quedar no fogar cunha paga diaria de até 36 euros que debían pagar as súas empresas nos primeiros 11 días, sendo posteriormente aboadas polo Goberno eslovaco. Tamén Polonia aprobou unha prestación semellante, que no caso de adultas con crianzas de máis de 8 anos pasaba a ser subvencionada polo Estado até un máximo de dúas semanas.

En Italia o Estado recoñeceu o teletraballo como un dereito para todas as persoas con crianzas menores de 14 anos ao seu cargo. Porén, a medida impulsada polo Executivo italiano e encamiñada a facilitar os coidados só é extensíbel a aquelas nais e pais que non teñan outra opción, tal e como indica o diario La Stampa.

No país veciño, o Goberno luso xustificou as ausencias daquelas traballadoras con crianzas menores de 12 anos ao seu cargo. Nestes casos, a Seguridade Social aboa até 33% do seu salario e o outro 33% a persoa empregadora. Para as traballadoras autónomas, o Executivo portugués asegurou un ingreso de até un terzo da media das súas ganancias mensuais. 

O regreso ás aulas

En maio, un total de 17 Estados da Unión Europea aprobaron a reapertura dos seus centros infantís e colexios de Educación Primaria en medio do debate entre a necesidade destas medidas. Nel, as necesidades educativas e de socialización da rapazada, así como da conciliación das súas responsábeis, chocaban coas dificultades de manter distancia entre os nenos e nenas e outras medidas de seguridade.