Familias de alumnado con necesidades especiais denuncian que a Consellaría os "esquece"

Logo da plataforma Dereitos non parches (Foto: Nós Diario).

A plataforma Dereitos, Non Parches critica que o modelo de adaptación das programacións didácticas para o terceiro trimestre "non conta con espazo específico para as medidas que se adoptarán co alumnado con necesidades especiais".

"As modificacións das programacións didácticas  que  foron  demandadas  pola  Consellería  de  Educación  na instrución de 27 de abril e que os centros están facendo públicas estes días "non contan, de forma xeneralizada, con categoría específica para recoller as adaptacións na atención ao alumnado con Necesidade Específica de Apoio Educativo (NEAE)". Así  o sinala a plataforma Dereitos, Non Parches, formada por familias de alumnado NEAE a principios deste curso para reclamar máis medios para a súa atención.

Tras a revisión dos documentos de varios centros, a organización bota en falta algún epígrafe para plasmar as modificacións que os centros levarán a cabo para garantir neste terceiro trimestre a "atención axeitada" do alumnado que contaba con medidas específicas de apoio.

Desde a organización entenden que esta ausencia "só pode deberse a que nin a propia instrución nin o modelo proporcionado pola Consellería obriga aos centros a explicitar estas medidas, ao non contar con ningún apartado para iso".

Son conscientes de que estas adaptacións solicitadas pola Xunta son "un trámite burocrático de urxencia que non ten por que plasmarse nas actuacións docentes", mais defenden que o "mínimo" que se pode esixir dunha administración se gaba constantemente da súa “exemplar” atención á diversidade é "que pida aos centros que fagan e formalicen a reflexión das medidas que sería preciso tomar para que o alumnado NEAE non quede abandonado á súa sorte".

"Ao deixar aberta a posibilidade de que non se expliciten nestes documentos actuacións para garantir a atención das necesidades de apoio educativo nestas circunstancias -din- a responsabilidade de facer ou non este esforzo recae unicamente en cada docente, abrindo a porta a unha enorme desigualdade nas respostas".

Falta de compromiso por parte da Consellería

O pasado mes, Dereitos Non Parches puxo en marcha un inquérito en redes sociais para ter unha perspectiva xeral de como se estaba atendendo ao alumnado NEAE durante o confinamento.

Os resultados das 206 familias que responderon ao chamado indican unha enorme variabilidade nas medidas de apoio postas en marcha polos centros. Porén, desde a plataforma consideran que algúns dos datos -que fixeron públicos os últimos días de abril- resultan "alarmantes".

Así, 64% das respostas consideraban que a atención que se está recibindo nestes casos non é a que se precisa para que o alumnado progrese na súa aprendizaxe. Respecto ás tarefas que se estaban recibindo, case tres cuartas partes das persoas que responderon (70%) estaban realizando na casa adaptacións para adecualas ás características de aprendizaxe das súas fillas e fillos. En canto á comunicación co centro, 43% das familias declaraban non estar mantendo ningunha comunicación individualizada e regular co centro educativo para o seguimento do traballo, o que sería máis do duplo (18’9%) das que non a tiñan antes do estado de alarma.

Nese momento a organización atribuía a situación de desatención "á falta dunhas indicacións claras por parte da administración sobre as medidas que se debían adoptar para asegurar que non se producía unha discriminación por causa da non presencialidade".

A ausencia dunha categoría específica que obrigue a todos os centros  a deseñar medidas neste sentido no modelo facilitado aos centros "non fai senón confirmar -segundo diin- que non existe por parte da  Consellería un compromiso para garantir os dereitos educativos deste colectivo".

A plataforma móstrase enormemente "preocupada" ante este "abandono", máis aínda ante a perspectiva de que o vindeiro curso 2020-2021 se  desenvolva  tamén  en  "circunstancias  extraordinarias",  e  reclaman  a Carmen Pomar, conselleira de Educación, a planificación de medidas e mobilización de recursos necesarios para asegurar a correcta atención educativa do alumnado NEAE.