A escalada de contaxios continúa sen control: 2.518 novas infectadas en só 24 horas

Familias agardan a vacinación das crianzas, nunha imaxe de hai uns días en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Esta quinta feira falábase de que a Galiza superou todos os récords da pandemia en canto ao número de contaxios nunha xornada. Detectáranse 2.263 casos novos. Esta sexta feira as autoridades sanitarias fornecen datos cos que se amosa que o último balance de persoas infectadas é aínda peor: hai máis de 2.500 polo que os casos activos superan neste momento os 20.200.

A sexta onda da Covid-19 segue a causar estragos na Galiza. Nas últimas 24 horas superouse de novo o récord de contaxios, que estaba en 2.263 desde esta quinta feira. Cos datos que veñen de fornecer as autoridades sanitarias ponse de manifesto que na última xornada se detectaron 2.518 infeccións a maiores.

Neste momento o país conta con 20.262 casos activos, 1.598 máis que un día antes. Pero os contaxios van máis aló, pois hai que estabelecer a comparativa coas persoas que superaron a enfermidade.

Segundo a Consellaría de Sanidade, xa hai 194.231 doentes curadas desde que comezou a pandemia, isto implica que obtiveron a alta 920 persoas no último día. Dado que os casos activos dun día para outro crecen, tamén hai que ter en conta que esas persoas que curaron foron substituídas nas estatísticas por outras ás que se lles detectou a presenza do virus nos diferentes tipos de probas.

Evolución por áreas sanitarias

A última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública indica que dos casos activos 3.325 (340 máis que esta quinta feira) corresponden á área da Coruña e Cee e outros 1.505 (186 a maiores) á de Lugo. 

Na demarcación de Ourense téñense notificados 2.619 casos (+59), mentres que na de Pontevedra son 3.010 (+170) e na de Ferrol 917 (+155 con respecto ao parte anterior).

Así mesmo, na área sanitaria de Vigo hai 6.190 (cunha suma de 254 en relación á quinta feira) persoas contaxiadas actualmente e na de Compostela-Barbanza a cifra ascende a 2696 (+434).

Así as peores evolucións detéctanse tanto en Compostela como na Coruña, seguidas de Vigo. No extremo oposto atópase Ourense, onde a expansión do coronavirus parece conterse mellor.

Distribución xeográfica das últimas infeccións

No que alude únicamente ás infeccións do último día, das 2.518, 603 corresponden á contorna de Vigo e 488 á de Compostela. A Coruña, neste caso, notificou 459 novos contaxios.

Após figuran Pontevedra-O Salnés con 312, Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras con 249, Lugo-A Mariña-Monforte con 232 e Ferrol con 177 casos novos contabilizados.

Neste contexto, transcende que a incidencia acumulada a 14 días é de 683,80 casos por cada 100.000 habitantes, o que implica que Galiza aínda está por debaixo da media do Estado español, onde se estiman 911,31 casos.

A presión hospitalaria mantense estábel

En todo caso, a maioría das persoas coa Covid-19 (19.994) permanecen baixo seguimento médico domiciliario. Atendendo á comunicación de Sanidade, hai 50 persoas ingresadas nas -as mesmas que na xornada previa- e 218 (-5) en distintas unidades de toda a rede hospitalaria galega.

Desde que comezou a pandemia faleceron 2.742 galegas e galegos e o número de doses da vacina inoculadas é de 5.717.969, se ben hai que ter en conta que nestes momentos están en marcha as campañas de reforzo para os maiores de 40 anos e de protección para as crianzas de 5 a 11 anos.