Os seis fallos de Núñez Feixoo diante da crise do coronavirus

Feixoo, con Josefina Fernández, máxima responsábel das residencias privadas, DomusVi, na entrega da Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Vigo (Circulo.gal)

Ningún territorio estaba preparado para facerlle fronte aos efectos do coronavirus. Porén, algunhas decisións políticas contribuíron a aumentar o problema. A redución de prazas hospitalarias no sistema sanitario público, a ausencia de material básico ou a súa cesión a outras comunidades e a negativa a fechar Madrid e a blindar Galiza axudaron a agravar a situación. Estes son os seis erros na xestión do Goberno galego.  

Dez de febreiro de 2020. Mentres o coronavirus avanzaba sen tregua por todo o planeta e xa se deixaba notar no Estado español cos seus primeiros casos de contaxio, Alberto Núñez Feixoo poñía rumbo a unha nova cita coas urnas. Se nas semanas previas o presidente galego situaba o seu Executivo ao servizo da súa táctica electoral, unha vez confirmado o adianto dos comicios, lanzábase a campaña deixando a un lado as responsabilidades do Goberno. Os membros do Executivo, centrados no novo proceso electoral, perderon un tempo decisivo para preparar plans de continxencia contra a que por entón era aínda epidemia.

O coronavirus chegou á Galiza cun Goberno en funcións e cuxa prioridade era reeditar a súa maioría parlamentaria para manterse outros catros anos máis. Malia as informacións que foron chegando por diversas canles ao Executivo galego sobre o alcance do problema sanitario, o equipo de Feixoo mantívose en campaña electoral e resistiuse a desconvocar as eleccións até o 16 de marzo, cando a doenza xa acadara a categoría de pandemia. A improvisación na resposta, denunciada polos sanitarios galegos desde o primeiro momento, non se pode disociar da situación de interinidade do Executivo galego, para quen a sanidade pública non fixo parte das súas urxencias.

—1º— 

A negativa a blindar Galiza e a fechar Madrid

13 de marzo. Se días antes a veciñanza de localidades de carácter turístico denunciaba a presenza masiva de cidadás procedentes de Madrid, nesta ocasión as queixas multiplicábanse pola súa actitude irresponsábel, sumándose a elas representantes políticos de diversas formacións. Mentres a indignación percorría as vilas costeiras, o día 15 Feixoo expuña: “Non se debe estigmatizar esta poboación porque non son responsábeis ao non limitárselle o dereito a circulación”. Concluía advertindo que “poden volver á súa casa ou ficar entre nós, onde coma sempre serán ben acollidos”.

Feixoo non solicitou en ningún momento o feche de Madrid nin a blindaxe da Galiza. A diferenza doutros presidentes, como o catalán Quim Torra, ou o seu compañeiro de partido, o murciano Fernando López Miras, Feixoo non demandou medidas para evitar a extensión á Galiza dunha pandemia que nun primeiro momento era basicamente madrileña. O 13 de marzo, Madrid, Euskadi, A Rioxa e Aragón concentraban 88,1% dos casos totais de coronavirus no conxunto estatal. Dez días máis tarde a porcentaxe xa mudaba, sumando só 65,9% das persoas infectadas.

O presidente galego aínda tivo tempo a cambiar de opinión. A medida que se evidenciaba a conexión madrileña dos positivos por coronavirus na Galiza, sexa pola orixe de contaxio das primeiras afectadas, sexa polas propias investigacións científicas, Feixoo non dubidaba en culpar a Pedro Sánchez do éxodo masivo á Galiza de persoas procedentes de Madrid. Na súa primeira comparecencia no Parlamento da Galiza, após a desconvocatoria electoral, sinalaba que non era aceptábel “deixar durante dous días miles de persoas de Madrid entrar na Galiza e encher as Rías Baixas e a Mariña”. 

—2º—

A redución de prazas hospitalarias

7 de xuño de 2016. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, nun pleno no Parlamento da Galiza afirmaba que “as camas son importantes nos hoteis pero non tanto nos hospitais” para explicar a redución de prazas hospitalarias no Servizo Galego de Saúde (Sergas), como consecuencia da política de retallos levada adiante polo Executivo. Segundo os datos ofrecidos pola Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, só entre 2010 e 2014 deixaron de funcionar na Galiza arredor de 800 camas nos complexos hospitalarios, diminuíndo a súa cobertura na última década nun 10%.

As xestións das últimas semanas do Goberno galego para aumentar a dotación de camas hospitalarias e o número de prazas nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) amosan que eran insuficientes. Sumando as prazas da sanidade pública e da privada, Galiza contaba antes do comezo da epidemia con 333,1 camas por 100.000 habitantes, ficando moi lonxe da media comunitaria, 504,3 camas por 100.000 habitantes, pero tamén de países como Rusia, 820 camas por 100.000 habitantes, ou da China, 420 camas por 100.000 habitantes. Outro tanto acontecía coa cobertura das UCI, con 5,92 prazas por cada 100.000 habitantes na Galiza, fronte a 8,28 prazas por cada 100.000 habitantes no Estado español.

—3º—

O envío dos respiradores a Madrid

22 de marzo de 2020. O presidente galego salientaba que “temos necesidades imperiosas de máis material sanitario, de todo: de protección, tests, respiradores, material UCI e material de hospitalización” e demandaba medios ao Goberno do Estado. Catro días máis tarde, a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, agradecía a Feixoo terlle doado un lote de respiradores e comprometía a súa devolución unha vez que a pandemia remitise. Diante das críticas da oposición e da comunidade sanitaria, o presidente galego explicaba a cesión dos respiradores co argumento de que “por agora Galiza non os precisa” e afirmaba: “Fixémolo e volveriamos facelo”.

Un día máis tarde, Nós Diario facíase eco da falla de respiradores no Complexo Universitario de Ourense (CHUO) e como se viron na obriga de buscalos nas clínicas privadas para facer fronte á situación. Mentres 11 respiradores sufragados con diñeiro das galegas e galegos continuaban en Madrid, Feixoo víase incapaz de atopar novos equipos, chegando a recoñecer nunha comparecencia pública o 3 de abril que non tiña o control duns novos respiradores “prepagados” e comprados na China. Os respiradores son un instrumental imprescindíbel nas UCI para tratar as doentes con coronavirus. O aumento de prazas en UCI depende directamente de poder contar con ese instrumental. 

—4º—

A xestión do material de protección

10 de marzo de 2020. O Consello de Ministros modifica a lexislación estatal en materia de saúde pública para centralizar a compra e a distribución dos equipos de protección básico de persoal sanitario, medida que vai favorecer o desabastecemento de material. O presidente galego non dubida en apoiar a decisión, afirmando que isto vai posibilitar dotarse con máis facilidade de medios “nuns mercados cada vez máis complicados” e critica aqueles responsábeis públicos que se opoñen á medida, acusándoos de moverse “por razóns ideolóxicas”. Unha semana máis tarde, Feixoo muda de postura, denuncia a falla de medios e esixe que se devolva as competencias ás Administracións autonómicas. 

Mentres as traballadoras da sanidade ou dos centros de maiores deben enfrontarse á pandemia sen os medios de protección sanitarios, provocando unha porcentaxe moi importante de infectadas entre o colectivo, Feixoo presume do stock de material de protección que atesoura o Sergas. Sinala o 22 de marzo que dispón de 500.000 máscaras sanitarias almacenadas e sen empregar. Ao tempo, as xerencias de varios hospitais da rede pública racionan o material, prohibindo o uso de máscaras nalgunhas circunstancias, nunha actitude que unha parte do persoal vincula á campaña do Executivo galego contra o estatal a conta da falla de material.

—5º— 

A privatización das residencias

22 de marzo de 2020. As responsábeis da residencia San Carlos de Celanova dan conta da aparición de 25 casos de coronavirus entre residentes e traballadoras. Os días seguintes aparecen situacións semellantes noutros centros de maiores da Galiza, significándose entre eles o DomusVi O Barreiro de Vigo e DomusVi Aldán de Cangas, propiedade do principal operador de residencias do Estado. A resposta do gabinete de Feixoo á emerxencia xerada nas residencias atende ao guión marcado pola patronal do sector, negándose primeiro a intervir os centros para evitar que a súa situación saíse ao descuberto e acudindo posteriormente ao seu rescate, dada a falla de medios sanitarios.

O presidente da Xunta coñece o estado das residencias e o seu modelo asistencial. Alertado polas denuncias das familias das residentes e das traballadoras dos centros sobre a situación, durante anos olla cara a outro lado e cultiva relacións de moita proximidade con algunhas das principais xestoras, chegando a imporlle a medalla de ouro do Círculo de Empresarios de Vigo en 2016 á máxima executiva de DomusVi, Josefina Fernández. Avanzada a crise e cos ollos da opinión pública sobre os xeriátricos, non dubida en solicitar unha mudanza no modelo de atención á terceira idade e unha reformulación do sistema asistencial para as maiores.

—6º—

A oposición á paralización da actividade non esencial 

30 de marzo. O Consello de Ministros aproba endurecer as medidas de confinamento, co fin de evitar a extensión da pandemia e ordena paralizar a actividade na totalidade dos sectores da produción considerados como non esenciais. A disposición, vixente desde 31 de marzo até 9 de abril, contou no seu momento co apoio da práctica totalidade dos presidentas das autonomías, das forzas parlamentarias e das organización sindicais. A oposición ao decreto procedeu da patronal agrupada na Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), de Vox e dos mandatarios vasco e galego.

Feixoo oponse á paralización da actividade malia ser coñecedor de que se trata dunha medida chave para evitar a mortalidade. Así, por exemplo, organismos internacionais colaboradores da Organización Mundial da Saúde (OMS), como Imperial College de Londres, sinalaron que as propostas de confinamento salvaron máis de 16.000 vidas no conxunto do Estado. Neste caso, xustifica a súa alternativa, diferente ao do seu partido, argumentando que se deben ter conta as “peculiaridades territoriais”. Porén, fontes consultadas por Nos Diario sinalan as presións de importantes sectores do capital galego.