Erguer mobilízase en Lugo en contra da visita de Felipe VI

Concentración de Erguer esta sexta feira en Lugo en contra da visita do rei (Foto: Erguer).
Desde Erguer denunciaron que a monarquía é "unha institución con cada vez máis descrédito e envolta en constantes escándalos, que representa a desigualdade, o fascismo e o españolismo máis rancio".

As estudantes lucenses, organizadas en Erguer, Estudantes da Galiza, mostraron o seu rexeitamento á presenza do monarca na cocncetración convocada polo propio Erguer diante da biblioteca intercentros da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

“Estamos aquí para amosar de modo claro e contudente o noso rexeitamento á visita do rei español á cidade de Lugo. Negámonos a participar no branqueamento dunha institución corrupta, anacrónica e herdeira do franquismo como é a monarquía”,  declarou Icía Abraira, responsábel de Erguer na zona de Lugo.

Desde Erguer denunciaron que a monarquía é “unha institución con cada vez máis descrédito e envolta en constantes escándalos, que representa a desigualdade, o fascismo e o españolismo máis rancio. Unha monarquía imposta por Franco que se mantén no poder co amparo de institución e élites económicas, pero non da maioría social”.

“ As estudantes de Lugo témolo claro, nós non temos rei, porque queremos unha sociedade igualitaria e democrática”, declararon.

Desde Erguer critican o papel da USC, que participa no tour do talento, o evento que vén visitar o monarca: “Entendemos que a universidade pública debe defender claramente os valores da democracia, a liberdade e a igualdade de oportunidades; valores absolutamente incompatíbeis coa monarquía española”.

“Retroceso”

“Véndennos este evento como unha actividade enfocada a mellorar a nosa educación e perspectivas de futuro. O que precisamos as estudantes galegas, entre outras moitas cuestións, son máis bolsas, unha universidade pública con financiación suficiente e accesíbel para todas, alugueiros asumíbeis e oportunidades para poder estudar e vivir dignamente; non a visita, co amparo de institucións e universidades públicas, dun rei que representa o retroceso, a negación de liberdades e a desigualdade.”, explicou Abraira.

“Por iso nos mobilizamos, para deixar ben claro que as estudantes non queremos participar do lavado de cara á monarquía que supón esta visita. Non temos rei”, concluíron.