Un equipo investigador alerta sobre a redución do número de bestas nos montes galegos

Exemplares de bestas en no Valadouro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A falta de rendibilidade económica, as dificultades para acceder a axudas ou a ausencia de recoñecemento do seu valor cultural son algúns dos factores que provocan esta rápida redución.

Nos últimos 50 anos, a poboación de cabalo salvaxe ou bestas, caeu a metade nos montes da Galiza, a pesar de ser o pasto da maior poboación destes animais de toda Europa.

O cabalo salvaxe galego está "en risco de desaparición". Esta a conclusión á que chegou un equipo de investigadores da Universidade da Coruña (UDC), liderado polo doutor en Bioloxía, Jaime Fagúndez, no marco do proxecto Life GrazeLIFE.

Fagúndez explicou que non existe un censo oficial destes animais, xa que "non está ben definido o que son os cabalos salvaxes e cales son as súas características".

Deste modo, o investigador indicou que existe unha tese doutoral da década do 1970 que cifraba en 22.000 os exemplares de cabalos salvaxes das montañas galegas. Así, indica que “esta poboación pódese reducir até a metade".

Sobre esta cuestión, o presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), Paulo Vicente Monteagudo, explicou que "en 2005 había na asociación entre 600 e 700 cabalos e agora hai unha media de entre 350 e 400".

Situación similar é a que ocorre na Serra do Xistral, sobre a que o proxecto Life in common land, liderado pola Deputación de Lugo, indica na súa web que a poboación de cabalos salvaxes galegos descendeu nos últimos anos por motivos como o abandono da actividade gandeira.

Dificultades de manter as bestas

As causas desta redución no número de exemplares responden a múltiples cuestións. A falta de rendibilidade económica desta actividade, as dificultades para acceder a axudas ou a ausencia de recoñecemento do seu valor cultural, son algunhas delas.

Fagúndez apunta ao abandono da actividade tradicional de cabalos en liberdade como unha das principais causas. "A xente non quere ou non pode manter os cabalos, xa que non é unha actividade rendíbel se temos en conta o prezo da carne do cabalo no mercado", puntualiza.

Así mesmo, o investigador da UDC indicou que varias das regulacións actuais, levadas a cabo principalmente pola Unión Europea (UE), como a obrigatoriedade de identificar os cabalos como un microchip "son condicionantes que non axudan".

Nesta liña, as dificultades para acceder a subsidios no caso de ataques de lobo son outro factor crave. "Ao cabalo galego de monte fáltalle protección que faga que sexa un animal especial dentro da nosa fauna", engadiu Vicente Monteagudo.

O problema dos eólicos

A falta de axudas específicas para o cabalo de monte salvaxe súmanse aos roubos de exemplares ou a problemáticas derivadas de ataques de lobos e creación de parques eólicos nos espazos nos cales se atopan.

Fagúndez mencionou, entre outras dificultades, que as axudas da Política Agraria Común (PAC) europea, penalizan un animal en liberdade como o cabalo, xa que "non están contemplados".

Nesta liña, subliñou que a normativa relativa á identificación dos équidos en liberdade ou semiliberdade "obriga a colocarlles un microchip, algo que é complicado e ten custos".

Así mesmo, Vicente Monteagudo manifestou a preocupación da Asociación polo roubo de bestas que "terminan en matadoiros clandestinos". "É moi difícil coller a xente que o fai, pero a Administración sabe que existen", apuntou.

Ademais, engadiu que a creación de parques eólicos en zonas onde están estes cabalos, "ponos en risco" e " contan coma se fosen vacas de produción, cando loitamos porque estes animais estean libres no monte todo o ano".

Axuda contra o cambio climático

O proxecto europeo Life GrazeLIFE, liderado por Fagúndez, apunta aos cabalos salvaxes como fundamentais para a conservación do ecosistema tradicional, a biodiversidade, o almacenamento de altas taxas de carbono e a prevención de incendios da Galiza.

Esta investigación sostén que as áreas de pasto das bestas contan con distintas variantes de breixo que "achegan valores ecosistémicos como altas taxas de carbono e baixo risco de incendios".

Así, subliñou que, ao consumir estas animais especies arbustivas, principalmente toxo, "aumentan a calidade dos pastos e axudan a previr incendios".

Deste modo, o traballo levado a cabo por Life in common land afirma que o abandono do aproveitamento tradicional dos cabalos na Serra do Xistral "está a dar lugar á degradación dos pastos e sucesión cara a outras comunidades vexetais".

Desta forma, defende que "é necesario o deseño e posta en marcha de solucións innovadores para garantir a súa persistencia e para a conservación de hábitats".

Tradición e valor cultural

Máis alá de Rapa das Bestas de Sabucedo, Fagúndez insiste en que o cabalo salvaxe "non está valorado culturamente na Galiza". Así, reivindica que podería tratarse dun elemento turístico "que non se está explotando, non estamos a valorar a singularidade".

Pola súa parte, Vicente Monteagudo explicou que a rapa para eles "non é un espectáculo", xa que as entradas que venden "son para crear un posto de traballo e para pagar os gastos dos danos das leiras onde entran os cabalos".

Con todo, puntualizou que a rapa en Sabucedo "funciona como tradición, como acto cultural, pero hai que lembrar que sen bestas non existe". Así, insistiu en que "é o produto final, pero o importante é todo o resto".

"Estamos a facer os trámites para a declaración da Rapa das Bestas ben de interese cultural, iso sería unha primeira vía para poder conservar a tradición, pero sobre todo as bestas”.