A inserción laboral na UDC, un ano despois de rematar o grao, é de 89%

O Observatorio Ocupacional fixo 2.467 entrevistas con tituladas e titulados.
María José Lombardía, Julio Abalde e Francisco José León Medina na presentación dos datos de empregabilidade na UDC (Foto: UDC).
photo_camera María José Lombardía, Julio Abalde e Francisco José León Medina na presentación dos datos de empregabilidade na UDC (Foto: UDC).

A Universidade da Coruña (UDC) presentou onte o informe sobre Inserción laboral e características do emprego das tituladas e titulados da Universidade da Coruña que remataron os estudos no curso 2020-2021.

Realizado polo Observatorio Ocupacional da propia institución, os datos indican unha mellora co anterior informe de 2019-2020. Do alumnado incorporado ao mercado laboral após conseguir a titulación no curso 2020-2021, 89% atopan traballo despois de pasado o ano, mentres que chega a 90% nos titulados de mestrado. As taxas de desemprego serían de 11% e 10% respectivamente. Ademais, 78% dos graduados traballa en algo relacionado coa súa formación e aumenta a 87% se se trata de alumnado titulado de mestrado. Destaca tamén o alto grao de satisfacción dos titulados da UDC co traballo que ocupan, con 8 puntos sobre 10. 

Menor desemprego 

O informe tivo unha ampla acollida entre o alumnado que pasou pola UDC. Do total de tituladas e titulados de grao (2.257) e de mestrado (607), participaron no informe 2.467 persoas.

Para o director do Observatorio Ocupacional da UDC e responsábel do estudo, Francisco José León Medina, “unha das melloras que salientaría nos datos é a taxa de desemprego que no informe anterior era de 17%, unha situación que se podía explicar por ser un momento de pandemia, e neste estudo baixou seis puntos”.

En declaracións a Nós Diario cre que habería que ter en conta “que a situación sanitaria non se estabilizaría de todo no período que vai desde o remate dos estudos até 2022 que se realizaron as enquisas, polo que as cifras poderían mellorar en 2023”. En relación ao desemprego coa titulación de mestrado a mellora sería de tres puntos. 

Outra das singularidades nos resultados do informe é a opinión que teñen as tituladas e os titulados da súa adecuación profesional. Se un ano antes o 71,9% apuntaba que o seu traballo estaba axustado á súa profesión, “esa percepción aumentou en algo máis de seis puntos polo que podemos dicir que baixou a taxa de desemprego e aumentou a posibilidade de que o traballo que se atope estará máis relacionado coa formación que se realice”, resume o investigador. 

Mellora da economía e importancia do mestrado

León Medina sinala que se trata de “datos descritivos” e existe “unha limitación causal” para explicalos. Porén, opina que “semella que tras estas cifras estaría unha certa recuperación da economía tras a pandemia que, aínda que lenta, apunta signos como o da taxa de desemprego”.

Ademais, apunta a idea de que mellorou “a capacidade da propia universidade para xerar alumnado cun alto grao de empregabilidade”.  

Ao informe se lle engaden 52 estudos de titulacións. Por especialidades de coñecemento as taxas de desemprego son diferentes segundo se trate de Ciencias da Saúde (4%), a máis baixa neste caso, ou de Ciencias (21%), a máis alta.

Os datos mudan coa presenza dun mestrado ao final. “Cando temos diante os datos do alumnado que rematou un mestrado as cifras iguálanse na pola parte baixa do desemprego”, conclúe. 

O primeiro soldo medio tras os estudos é de 1.500 euros/mes

Un dos apartados que inclúe o informe realizado pola universidade coruñesa son os ingresos por traballo. En relación ao soldo, 23% das tituladas e dos titulados que remataron un grao na UDC teñen uns ingresos iguais ou superiores a 1.500 euros/ mes. No caso do alumnado que rematou o mestrado a cifra aumentaría até 32,5%.

“Hai que ter en conta que falamos do primeiro ano de traballo, son os primeiros pasos que se dan no mercado laboral”, sinala en relación a este tema o responsábel do Observatorio Ocupacional da UDC. A situación no emprego é de contrato indefinido é de 47% coa titulación e 53% co grao. Finalmente, o informe apunta unha alta porcentaxe de tituladas e titulados que desempeñan a súa actividade na Galiza (85%), un dato que aumenta naquelas persoas que remataron un mestrado (90%).

Comentarios