Atopan unha estela funeraria na Cibdá Armea de Allariz

A intervención arqueolóxica, dirixida por Adolfo Fernández, ampliou as dimensión da Cibdá Armea. (Foto: Concello de Allariz)
O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo acaba de finalizar unha nova intervención arqueolóxica na 'Cibdá' de Armea, no concello de Allariz, cunha estimación de superficie escavada de 300 metros cúbicos.
 

A Cibdá de Armea, un xacemento de orixe romana ocupado arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III, xunto co Forno da Santa e o núcleo de Santa Mariña de Augas Santas converte a zona nun segundo casco histórico do concello de Allariz.

Representantes municipais, encabezados pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, visitaron esta terza feira o xacemento na compaña de representantes da Universidade de Vigo e da Xunta, como o decano da Facultade de Historia, Julio Prada; o xefe de Servizo da Área de Arqueoloxía da Xunta, Roberto Pena; a xefa territorial da Consellaría de Cultura en Ourense, Sandra Quintas, e o director das escavacións, Adolfo Fernández.

Os traballos no xacemento desenvólvense desde hai 12 anos mediante un convenio de colaboración entre o Concello de Allariz e a Universidade de Vigo e contan co financiamento da Xunta da Galiza e da Deputación de Ourense. Esta nova intervención comezou a mediados do mes setembro da man dun equipo de seis persoas, dirixido polo arqueólogo Adolfo Fernández, que traballou na ampliación da superficie escavada, a cal se estima que é de 300 metros cadrados.

Segundo indicou o Concello de Allariz, nesta escavación atopáronse restos de edificacións romanas, así como vidro, cerámica e metais que actualmente están a ser analizados na Universidade de Vigo.

A campaña realizada rematou a escavación da Domus Norte onde se atoparon os seus muros exteriores, tamén outras estancias e diferentes zonas como adegas ou habitacións. Ademais, tamén se descubriu unha nova casa cun patio central, “o que indica a importancia deste asentamento romano do século I, con edificacións de dous pisos, que fai da Cibdá de Armea un referente a nivel arqueolóxico”, sosteñen desde o Concello.

O director da escavación, Adolfo Fernández, explicaba nunha entrevista a este xornal que a Cibdá Armea é un espazo habitacional romano, mais non un castro. No remate desta campaña, Fernández asegurou que o traballo na domus “abre un futuro novo de intervencións en zonas diferentes do poboado nas seguintes campañas”.

Atopan unha estela funeraria de 2.000 anos

Entre as pezas atopadas, o equipo destacou a descuberta do cumio dunha estela funeraria de 2.000 anos, o que indica a existencia dunha necrópole na Cibdá onde se enterraba a poboación de Armea, pero que aínda non está localizada. Roberto Pena, xefe de Servizo da Área de Arqueoloxía da Xunta da Galiza, agradeceu que se contara coa súa participación nun proxecto tan ilusiónante e que tan bos resultados está dando”.

O director da intervención arqueolóxica informou de que nos próximos días comezarán os traballos de restauración e consolidación do escavado e, durante o resto do ano e até a próxima intervención de campo no xacemento, levarase a cabo un traballo de procesamento e catalogación de datos no laboratorio de arqueoloxía.