Eólicos de Iberdrola ameazan a terceira fortificación máis grande da Galiza

Proxección da poligonal e os aeroxeradores do parque eólico Castro Valente (Infografía: Nós Diario).
Os muíños ficarían a escasos 259 metros dos restos de Castro Valente e afectarían o xacemento arqueolóxico que o colectivo Castelos no aire comezou estudar a finais do pasado ano.

A Xunta someteu nesta cuarta feira a información pública, a través do Diario Oficial da Galiza (DOG), o proxecto do parque eólico Castro Valente, promovido por Iberdrola nos concellos de Padrón, Pontecesures, A Estrada e Valga. De se aprobar, constaría de catro aeroxeradores que sumarían unha potencia instalada de 18 megawatts (MW), e alcanzarían os 145 metros en altura. A enerxética prevé investir neste parque 14,7 millóns de euros.

Con todo, o emprazamento escollido por Iberdrola batería de fronte co xacemento arqueolóxico milenario do Castro Valente, que a finais do pasado ano comezaron a estudar as e os arqueólogos do proxecto Castelos no aire. Trátase do terceiro elemento fortificado máis grande do que se ten constancia na Galiza, após a Muralla de Lugo e do xacemento do monte Aloia, en Tui.

Dado que apenas existe aínda información sobre esta fortificación e non está aínda delimitada, só goza de protección o propio castro de Castro Valente, que segundo a proposta de Iberdrola ficaría a pouco máis de 200 metros —o mínimo fixado por lei— da turbina eólica máis próxima.

A este respecto, BNG e PSdeG instaron o pasado maio o Goberno galego a declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o xacemento, co fin de protexelo dos "serios riscos de afección" que se derivarían da construción do parque eólico. Porén, a bancada popular tombou a proposta no Parlamento.

Espazos protexidos

Segundo consta na documentación achegada pola empresa enerxética, o parque eólico causaría un impacto directo sobre a escribente das canaveiras, ave en perigo de extinción que conta cun Plan de recuperación desde 2013.

As instalacións de Iberdrola situaríanse dentro da área delimitada como "potencial", isto é, os espazos con zonas húmidas que esta especie utiliza como zonas de descanso ou en épocas diferentes ás da cría. Así mesmo, o aeroxerador máis próximo quedaría a pouco máis de dous quilómetros da zona "prioritaria", que resulta esencial, segundo o citado plan, para a supervivencia da escribente.

Por outra banda, un muíño quedaría dentro dun hábitat de interese comunitario, que arrodearían as outras tres turbinas a escasa distancia, e a totalidade delas entraría na Zona Protexida de Augas Potábeis do Ulla.

E os núcleos habitados máis próximos —Bandín e Confurco— ficarían a pouco máis de 500 metros das turbinas eólicas, o límite legal.

Parque eólico Fial das Corzas

Na cuarta feira tamén se publicou no DOG un novo parque eólico impulsado por Iberdrola, Fial das Corzas, neste caso situado en Vilar de Barrio e Laza. Estaría formado por once aeroxeradores —de 145 metros de diámetro en altura— e unha potencia total de 49,5 MW. O investimento roldaría neste caso os 37,8 millóns de euros. Contra estes dous proxectos pódense presentar alegacións durante os próximos 30 días.