Veciñanza da Estrada, contra os eólicos do monte Xesteiras: "Tomamos un papel secundario fronte a intereses económicos"

Proxección dos aeroxeradores sobre as aldeas afectadas. (Imaxe: Xesteiras sen Eólicos)
"Fauna protexida, flora endémica e importantes bens patrimoniais como a Igrexa de Santa María de Frades sufrirán o seu impacto directo", alerta a veciñanza.

O Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética da Consellaría de Economía, deu luz verde o pasado 5 de xaneiro —perante unha resolución publicada no DOG do 22 de febreiro— ao parque eólico Monte Xesteiros, promovido pola compañía Norvento no termo municipal da Estrada (Tabeirós-Terra de Montes). Un proxecto que está a espertar fortes críticas e a férrea oposición da veciñanza afectada e colectivos ecoloxistas que alertan do seu impacto sobre a contorna, o monte Xesteiras —denominación correcta deste espazo—.

O parque, segundo figura no documento no que a Xunta lle concede a autorización administrativa previa, estaría conformado por seis aeroxeradores que sumarían unha potencia total autorizada —evacuábel a través da rede eléctrica— de 33 megawatts (MW). Algúns dos muíños proxectados inicialmente —once— tiveron que suprimirse da proposta final e outros foron modificados ou desprazados para evitar potenciais afeccións.

Nesta zona atópanse outros parques eólicos xa operativos, aprobados ou en tramitación, mais a Dirección Xeral de Patrimonio Natural conclúe que o aumento da densidade destas turbinas "non producirá efectos sinérxicos incompatíbeis". Os diferentes organismos consultados tamén conclúen que o proxecto é compatíbel coas actividades e a vida da contorna.

Mapa que recolle a ubicación dos aeroxeradores do parque eólico Monte Xesteiros, de Norvento.

Porén, a veciñanza insiste nos posíbeis riscos que ve derivados deste parque, que asegura que está a ser tramitado "de forma irregular", por diferentes cuestións entre as que cita a "desinformación por parte do goberno, tanto local como autonómico", o "acurtamento de prazos de alegacións" ou porque "non se están tendo en conta as repercusións sobre servizos fundamentais para os veciños como poden ser o tendido eléctrico, as telecomunicacións ou a auga".

Ademais, precisan que os aeroxeradores, que alcanzarán os 180 metros de altura, terán un impacto ambiental "aínda maior" porque "deben abrirse camiños específicos para o seu transporte, e debe explotarse o terreo para que queden firmemente asentados". Neste último punto aluden ao caso do parque eólico do monte Acibal, tamén impulsado por Norvento, que foi froito dunha denuncia do Seprona após precipitarse unha pedra de 14 toneladas durante as obras de construción.

A maiores, salientan que o parque eólico do monte Xesteiras afecta "perto de dez parroquias estradenses" que se estenden ao longo do val do Vea e que ven "como as súas vidas toman un papel secundario fronte a intereses económicos superiores", din.

Todas estas cuestións aparecen reflectidas na petición que rexistraron na plataforma Change.org para demandar a paralización do proxecto. E esta próxima segunda feira a plataforma veciñal de persoas afectadas polo proxecto dará a coñecer a campaña de recadación que iniciarán, da man da asociación ecoloxista Adega, para xuntar fondos suficientes que permitan recorrelo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, como xa fixo este colectivo en numerosas ocasións.

"Fauna protexida, flora endémica e importantes bens patrimoniais como a Igrexa de Santa María de Frades sufrirán o seu impacto directo", alertan desde a plataforma de afectadas.