O Debate

Eólica mariña nas costas da Galiza: ameaza ou oportunidade?

A eólica mariña segue no punto de mira dos sectores produtivos do país. (Foto: Infopuertos)
A publicación dos Plans de ordenación dos espazos marítimos (POEM) reavivou o debate sobre relación entre a eólica mariña e as nosas costas.

Reflexións con pouca mesura sobre os POEM

Torcuato Teixeira, avogado, Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños

Xa non tiña eu moita mesura, dado o que está en xogo, e van os Señores do Vento, organizados no Fondo Eólico Mariño, un lobby con 250 organizacións que están desesperadas por entrar xa a canón nos nosos mares e empezar o espolio dos nosos ecosistemas e a aniquilación do sector pesqueiro, e piden ao sector pesqueiro “mesura nas actuacións, rigor nas declaracións e visión de futuro responsable e construtiva". Pois daquela van aviados, que esquezan a mesura dado o que está en xogo: o futuro de miles de postos de traballo dos provedores da mellor proteína animal polo seu baixo impacto en pegada de CO2, nula pegada hídrica e altamente saudable; e a maiores a nosa valiosa riqueza en biodiversidade. Si, entre Galicia e Asturias hai máis de 300 caladoiros e unha plataforma pola que se desprazan especies tan importantes como o bonito, a sardiña, a anchoa, o xurelo ou a xarda.

Pero si, voulles facer caso noutras cousas, hai que ser rigorosos, estase planificando acoutar zonas para instalacións industriais nun espazo mariño con grande actividade pesqueira e gran riqueza en biodiversidade, sen ter informes de impacto socioeconómico na pesca e nas moitas vilas mariñeiras que dependen desta actividade; estase planificando sen saber as zonas que predispoñen para estas industrias, que stocks pesqueiros e recursos mariños están alí e cal é a súa situación biolóxica.

"Estase planificando sen saber o impacto que poden ter nos stocks e recursos"

Estase planificando todo isto de costas ao Instituto Español Oceanográfico que sería quen tivese que levar a voz cantante no deseño das posibles zonas, no seu caso, para a implantación destas industrias, se puidesen coexistir. Aquí están marcando a folla de ruta as industrias interesadas que evidentemente só ven zonas de moi bo recurso eólico e nada máis. Tamén queren visión de futuro... Pois mira ti por onde o futuro xa nolo están anunciando os compañeiros de Viana do Castelo, só tres aeroxeradores que teñen ocupada unha zona de 10 km cadrados están xa causando estragos e nas zonas limítrofes aos polígono desapareceron os peixes.

Ah! que non se referían a este futuro, que se referían ao futuro de que se crearán miles de postos de traballo e será unha riqueza para o país. Ben, imos ver, temos como moi recente o que pasou coa invasión do noso territorio polos poligonais para instalar as eólicas terrestres, e incluso unha institución pouco sospeitosa, como é o Banco de España, alerta nun informe deste ano que onde se instalaron eólicas terrestres o emprego non aumentou precisamente unha vez que rematou a fase de construción dos polígonos.

"Deseñan poxas do mar para a eólica sen ter toda a información"

E sobre o de ser responsables e construtivos,  é responsable saltarse o principio de precaución e sen contar con toda a información científica dispoñible pórse a deseñar poxas da superficie do mar onde traballa a frota pesqueira máis importante polo seu impacto social e económico de toda Europa?

É responsable saltarse o Acordo de París que obriga os Estados a loitar contra o cambio climático sen pór en perigo a produción de alimentos, máxime cando falamos dunha produción dun alimento que en si mesmo contribúe á loita contra o cambio climático ao subministrarnos alimentos de moi escasa pegada de CO2? É responsable saltarse os mandatos de Parlamentos como o galego e o asturiano, mandatos por unanimidade de todos os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e do propio Parlamento Europeo, para que se tivese en conta a pesca e os ecosistemas e se puxesen a traballar os nosos científicos antes de tomar decisións sobre ordenación en relación á eólica mariña?

O sector non di 'non ás renovables', o que di é 'primeiro dispoñamos da información necesaria para saber a que nos podemos enfrontar, desde un punto de vista de impactos na biodiversidade e impactos socioeconómicos, e a partir de aí, miremos se é posible algún tipo de coexistencia, e en que espazos, ao mellor non son os ideais para as industrias, pero son os ideais para toda a sociedade'. Isto non vai de especular, vai doutra cousa, non si? 


Vento do país

Manoel Santos, zoólogo, coordenador de Greenpace na Galiza

O Observatorio Galego da Acción Climática instruíanos esta semana sobre o Día da Depredación Enerxética, excelente iniciativa para facer visíbel a enorme dependencia que ten a nosa sociedade dos combustíbeis fósiles, moitos importados do Sur Global. A xeración actual de enerxía renovábel autóctona só abondaría para cubrir o total do gasto enerxético galego até o 14 de marzo. O resto do ano dependeriamos, e de feito dependemos, exclusivamente do petróleo que importamos de México, Libia ou Alxeria; do gas de Nixeria, Trindade e Tobago e Perú; e da queima de carbón de Indonesia, Rusia ou Colombia, entre outros. Ao igual que a crise ecosocial, a aldraxe ten múltiples arestas.

O dato é moi acaido para desterrar falsas informacións que confunden enerxía con electricidade, pois esta só representa unha cuarta parte da enerxía que consumimos. Coller unha parte polo todo sempre deturpa a realidade. E esta indica que nos queda un mundo para, por unha parte desprendernos dunha dependencia enerxética esaxerada e ilóxica tendo en conta os recursos do país, e pola outra reducir as emisións de gases con efecto invernadoiro, indiscutíbel emerxencia planetaria que pon en risco a Galicia das vindeiras xeracións.

"Galiza ten moi bos recursos renovábeis. Cómpre aproveitalos ben"

A escasos días de que o IPCC presente o sexto informe de avaliación sobre a mudanza climática, que de seguro vai alertarnos doutra volta dos seus devastadores efectos, bo é lembrar que o 'non ao despregue renóvabel' non é unha opción. Agora, tampouco podemos esquecer que a transición enerxética non é o punto final, senón un paso urxente cara a unha transición ecolóxica que nos leve a producir e consumir dentro dos límites planetarios.

Galicia ten o privilexio de contar con moi bos recursos renovábeis. Cómpre aproveitalos ben, xerando beneficios ambientais e sociais e minimizando os impactos negativos. Un deles é o vento mareiro e, xa que logo, a posibilidade de fondear parques eólicos no mar, que teñen gran potencial por capacidade, estabilidade e predicibilidade. Alén de tomar máis en serio a redución e xestión da demanda enerxética, é perentorio contarmos con tecnoloxías diversas que cubran as nosas necesidades enerxéticas renovábeis todos os días e a todas horas. Non abonda con termos, que non temos, saldos anuais positivos na xeración eléctrica renovábel.

A obrigada e serodia aprobación dos POEM, que delimitan de forma nidia os lugares nos que a eólica mariña podería –o pospretérito é importante– desenvolverse, xerou as lóxicas e agardadas reaccións. Entra en conflito coa pesca ao xurdiren no mesmo dominio público outros intereses e necesidades, alerta sobre a súa posíbel interacción con importantísimos corredores migratorios e comedeiros de aves e mamíferos mariños e xera dúbidas moi razoábeis sobre os beneficios sociais que deberían xerar as instalacións, pois a experiencia no eido terrestre, por veces caótica, non é a mellor por agora. Mais tamén é unha oportunidade para esixirmos un despregue planificado, ordenado e participativo, coidadoso coa biodiversidade, que poida convivir con outros usos sustentábeis –adxectivo imprescindíbel– do mar e que se vencelle ao desenvolvemento local.ç

"Deberiamos construír un lobby social polas renovábeis xustas que poida influír a nivel ministerial e empresarial"

Nisto deberiamos focalizarnos. En construír un lobby social polas renovábeis xustas que poida influír a nivel ministerial e empresarial máis aló da tamén lexítima estratexia da confrontación. Queda aínda normativa por desenvolver e temos tempo –pouco– para procurar que interfira o menos posíbel coa pesca sustentábel, corrixindo localizacións, dimensionando proxectos e procurando a compatibilidade con algunhas artes. Non todo vale. Temos tempo para esixir, pero xa, estudos amplos da biodiversidade que os naturalistas non teñen medios para facer, como ben alertaban hai un días algunhas organizacións ecoloxistas, mesmo con financiamento obrigado das empresas. E temos tempo para que os regulamentos inclúan a esixencia de que os proxectos estean ligados á construción, instalación e mantemento locais e que se abran á participación pública.

Renunciar á implantación renovábel non parece unha alternativa nin razoábel nin intelixente. Non estaría de máis que, especialmente desde a esfera política, quen albisque esta posibilidade nos diga cal é o seu proxecto enerxético para Galicia e como e onde este vai reducir as emisións que comprometen a nosa viabilidade futura como país.