A eólica mariña enfróntase á lexislatura máis decisiva

O Goberno do Estado español aprobou os POEM, delimitando aquelas zonas que poden ser ocupadas polos parques de eólica mariña. (Foto: Federico Rostagno)

A vindeira lexislatura será chave no desenvolvemento da eólica mariña na Galiza. A súa posta en marcha seguindo os criterios marcados nos Plans de ordenación dos espazos marítimos (POEM), aprobados polo Goberno do Estado o 28 de febreiro de 2023, pon en risco a continuidade da actividade pesqueira na Galiza. O sector do mar urxe unha moratoria dos proxectos de eólica mariña presentados.

A planificación deseñada polo Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) delimita cinco áreas na Galiza para a xeración de electricidade de orixe mariña. Neste sentido, reserva 2.350 quilómetros cadrados de augas galegas para o desenvolvemento de proxectos de eólica mariña, coincidindo o seu emprazamento con áreas onde están documentados algúns dos caladoiros de pesca máis importantes do país.

Galiza concentra 47% do total das augas do Estado destinadas á produción eólica. Neste caso, un dos polígonos autorizados emprázase fronte ás comarcas de Vigo e do Baixo Miño e os outros catro na área cantábrica, entre a zona de Ortegal e da Mariña. Precisamente, nestas áreas sitúanse algúns dos caladoiros con máis actividade pesqueira do conxunto do país, delimitados polo Instituto Español de Oceanografía.

Os caladoiros afectados

As zonas reservadas para a eólica mariña afectan a 184 caladoiros de pesca nas augas galegas. Neste sentido, a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, que agrupa as confrarías de pescadores, destaca o importante impacto desta planificación na actividade pesqueira e rexeita os emprazamentos escollidos polo Miteco. O sector do mar estima en 150.000 os empregos en risco pola eólica mariña.

O Goberno do Estado tramita, actualmente, nove proxectos de eólica mariña no país, impulsados por seis compañías, todas elas con sede social fóra da Galiza. Neste grupo, aparecen, entre outras, empresas como Iberdrola, Ferrovial, Capital Energy ou Cobra, que teñen solicitado autorización para desenvolver 4.695 megawatts, unha potencia que supera a operativa na eólica terrestre.

Os programas electorais

O PSOE e Sumar son as únicas formacións políticas que apoian o deseño recollido nos POEM. Neste sentido, o PP volveu defender durante a campaña o seu rexeitamento ao documento, sinalando o seu candidato por Lugo e anterior vicepresidente da Xunta da Galiza, Francisco Conde, que “os POEM non responderon aos criterios da Xunta da Galiza nin do sector pesqueiro”. Asemade, reclamou “recuperar o consenso para desenvolver a eólica mariña e garantir a compatibilidade desta actividade coa pesqueira”.

O BNG asume, case en solitario, a alternativa impulsada pola Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños. Neste sentido, aposta por unha moratoria no desenvolvemento da eólica mariña e advirte, por boca da súa voceira nacional, Ana Pontón, contra “o espolio eólico que bendicen as forzas estatais, unha ameaza máis para o noso litoral e para o medio de vida de miles de traballadores e traballadoras .E todo para que o lobby eléctrico siga engordando os seus millonarios beneficios”.