'Eólica, Así Non' chama a rodear a Xunta o 23 de abril como protesta

"Non nos queda outra alternativa", afirman desde 'Eólica, Así Non'. (Foto: Nós Diario)
"Cómpre restituír os dereitos de participación pública usurpados polas leis de depredación e simplificación que os gobernos galego e español teñen aprobado por vías exprés e antidemocráticas", salientan.

Rodear a sede da Xunta da Galiza en San Caetano é o obxectivo da coordinadora 'Eólica, Así Non', composta por máis de 200 colectivos dos ámbitos ecoloxista, sindical, veciñal, cultural e social de todo o país e que esta cuarta feira avanzou en rolda de prensa os seus próximos movementos diante da "urxente" paralización de proxectos de enerxía eólica en marcha "para evitar danos irreparábeis".

Será o vindeiro 23 de abril, domingo, unha data que a plataforma fai coincidir coa estabelecida —o día 25— como límite pola normativa vixente para outorgar autorización previa aos parques eólicos promovidos en territorio galego con declaración de impacto ambiental favorábel. "Esta mobilización chama os galegos e galegas, as plataformas de veciños e veciñas afectadas e a todo tipo de colectivos e entidades críticas co actual modelo depredador da enerxía eólica", salientan.

Baixo o lema 'Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa', a mobilización pretende exixir ao Executivo galego "que denegue as autorizacións das ducias de macroparques eólicos —77— aos que a Consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro".

Con esta nova acción de protesta, 'Eólica, Así Non' quere tamén demandar a "inmediata paralización" dos perto de 150 proxectos que a Xunta aínda mantén en tramitación. "Desde a coordinadora levamos máis de dous anos reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo, demandando unha moratoria, pero agora a paralización de todos os proxectos é máis necesaria que nunca", defenden.

"Cómpre restituír os dereitos de participación pública usurpados polas leis de depredación e simplificación que os gobernos galego e español teñen aprobado por vías exprés e antidemocráticas. E calquera desenvolvemento racional da enerxía eólica no país debe pasar antes polo debido cumprimento do imperativo legal de ampliar a Rede Natura galega e de preservar con garantías os hábitats e ecosistemas que son prioritarios para afrontármonos ao reto climático", engaden as entidades integradas na coordinadora.

Advirten tamén das "dramáticas consecuencias para o conxunto do país" que desencadearía a aprobación de todos estes proxectos, "constituíndo en si mesma unha auténtica catástrofe ambiental e social sen precedentes, na que en especial o medio ambiente e o rural galegos ficarían dilapidados para sempre e en mans de multinacionais destrutoras do territorio".

"Os galegos e galegas non podemos nin debemos tolerar este asalto a cara descuberta das grandes multinacionais especuladoras da enerxía, nin gobernos que, para favorecelas, poñen en risco o futuro de todo un país", subliñan.

Lamentan a "negativa" do presidente galego, Alfonso Rueda, a reunirse con 'Eólica, Así Non' e aseguran que "non queda máis alternativa" que volver tomar as rúas para manifestarse "con total rotundidade contra o espolio eléctrico e enerxético do país, polo cumprimento rigoroso das leis ambientais e pola denegación da autorización dos macroproxectos eólicos en tramitación".

"Temos que conseguir que Xunta recapacite a tempo e evite a destrución irreparábel do país e poder seguir loitando por unha transición enerxética xusta e sostíbel que respecte á Galiza", conclúen.