Eólica, Así Non quece motores para as mobilizacións do domingo

Varios cabalos pacen na contorna do parque eólico de Tronceda, na serra do Xistral. (Foto: Europa Press)

O domingo 11 de decembro, con motivo do Día Mundial das Montañas, a coordinadora Eólica, Así Non convoca un total de 17 protestas en distintos puntos do país contra a actual “invasión eólica”, baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica Así Non. Temos alternativa”.

Por segundo ano consecutivo, Eólica, Así Non, convoca as galegas e galegos a saíren á rúa o 11 de decembro contra “a vaga eólica colonial que está a sufrir o país”. Faino coincidindo co Día Mundial das Montañas, pois estas “son as máis prexudicadas” por un proceso que, indican, comezou no franquismo coa “destrución dos ríos” e que “agora vai polas terras, montes, e mesmo polo mar, mentres que a pobreza enerxética aumenta e comarcas enteiras van camiño da desertización social e industrial”.

A coordinadora explica no manifesto os “megaproxectos eólicos” constrúense “ao servizo exclusivo do oligopolio eléctrico”, e despoxa “practicamente de todos os valores e funcións de carácter ambiental, paisaxístico, cultural e socioeconómico” das montañas, onde nacen ríos e regos que ofrecen, calcula, “o 80% dos recursos hídricos que consumimos”.

Tamén pon de manifesto outros “servizos ecosistémicos” que ofrecen as montañas, como o control da erosión do solo, a regulación atmosférica, a paisaxe, reservorio do noso patrimonio cultural, reserva de hábitats de alto valor natural e grande biodiversidade, etc.

As montañas, salienta Eólica, Así Non, son “fogar e medio de vida dunha boa parte da poboación galega, a miúdo esquecida e especialmente indefensa ante o asoballamento das empresas especuladoras da enerxía”. E carga contra a “conivencia das administracións públicas”, que “están contribuíndo a favorecer aínda máis unha ameaza sen precedentes contra o noso territorio, arrebatándonos dereitos”.

Hai, a día de hoxe, máis de 300 proxectos de enerxía eólica e 7 proxectos de novas hidroeléctricas en tramitación, xunto coas súas liñas de evacuación e outras infraestruturas asociadas. Uns proxectos que “mandan para fóra a enerxía eléctrica”, á vez que as empresas do sector “triplican beneficios xa que o prezo da luz está a sufrir a súa maior escalada na historia e o marco regulatorio e tarifario en vigor está ao seu servizo”.

Demóstrase, insiste a coordinadora, “a falsidade da afirmación de que a máis parques eólicos, máis barata será a factura eléctrica”.

Vía de urxencia

En relación á normativa pola que se rexe a implantación de parques eólicos, a coordinación advirte de que o plan sectorial data de finais dos 90 e que “toda a nova normativa que se leva aprobada a día de hoxe polos Gobernos galego e español, e que agora se anuncia tamén desde a UE, vai no camiño de fomentar a vía de urxencia e a simplificación administrativa”.

Critica Eólicos, Así Non “a eliminación da obriga das avaliacións ambientais para a autorización de instalacións eólicas e a restrición á participación pública”. Denuncia que se están a autorizar “proxectos eólicos ilegais”, tal e como está a verificar a xustiza.

Alternativas

Coas concentracións convocadas para o domingo, a coordinadora reivindica modelos enerxéticos que teñen como principios fundamentais a protección da natureza; a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños; o coidado do patrimonio; o dereito a unha enerxía compatíbel coa soberanía alimentaria; a aposta polo aforro e eficiencia enerxética; a defensa da soberanía sobre os nosos recursos fronte ao espolio enerxético; unha planificación eólica con fins socioambientais e ao servizo do país; a participación pública fronte aos “recortes democráticos e ilegais” e a defensa de precaución para a preservación da saúde pública.

Eólica, Así Non convoca as seguintes mobilizacións:

  • A Baña: 12h. Manifestación desde Área recreativa Agra de Chans ata a Praza do Concello. 
  • A Fonsagrada: 12h. Concentración no Mirador dos Tres Bispos (Rúa Antón Fraguas).
  • Becerreá: 12h. Concentración na Praza do Concello e ás 16h Andaina ata a Pena do Pico. 
  • Coristanco: 12h. Concentración na Praza do Concello (Avda. Finisterre 112, Rúa do Muíño. 
  • Encoro de Cecebre: 12h. Concentración no Encoro de Cecebre (AC221, p.k., 7,5)
  • Forcarei: 11H. Concentración e manifestación (depende da climatoloxía) na Praza da Igrexia. 
  • Foz: 12h. Concentración e roteiro dende a Igrexa de San Martiño de Mondoñedo. 
  • Lugo: 9hMarcha dende San Xoán do Alto,  e ás 12h concentración e recital diante do Multiusos da Xunta.
  • Meira: 12h Concentración na Praza do Concello. 
  • Moaña: 12.30h Concentración na Praza do Concello. 
  • Moeche: 9h Andaina dende o Castelo con chegada á feira de Moeche ás 12h (concentración).
  • Mondoñedo: 10 de decembro ás 16h. Andaina dende a Subestación eléctrica do PE Sasdónigas.
  • Monterroso:  11h Andaina Ligonde, Fronte a taberna de Eirexe. 
  • Pontevedra: 12h. Concentración na Praza da Peregrina. 
  • Vila de Cruces: 12h. Concentración na Praza do Concello.
  • Vimianzo: 11h. Andaina e concentración dende Antiga Escola de Pasarela ata o Penedo da Cachucha. 
  • Xinzo: 12h Concentración na Praza Maior.