'Eólica Así Non' convoca mobilizacións por todo o país o 11 de decembro: "Estanse a aprobar proxectos ilegais"

A coordinadora galega presentou as mobilizacións esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
Até o momento confirmáronse 18 actos de protesta para o Día das montañas en diferentes puntos da xeografía galega.

Por segundo ano consecutivo, a Coordinadora Eólica Así Non convoca a sociedade galega o próximo 11 de decembro, con motivo do Día mundial das montañas, a unha "gran mobilización fronte á actual invasión eólica". O colectivo apunta ao "carácter especialmente simbólico" das montañas na loita social contra a "vaga eólica colonial".

De forma simultánea decorrerán, cando menos, 18 concentracións nas localidades galegas da Baña, A Fonsagrada, Cecebre, Foz, Meira, Antas de Ulla, Coristanco, Mondoñedo, Moeche, Lugo, Becerreá, Vila de Cruces, Moaña, Pontevedra, Forcarei, Xinzo de Limia, mentres os lugares onde se realizarán as protestas na Costa da Morte e O Courel están aínda por confirmar. Aliás, boa parte desas mobilizacións completaranse con andainas e subas aos cumios das montañas "afectadas pola invasión eólica" en municipios como Foz, Antas de Ulla, Moeche, Mondoñedo, Becerreá, Lugo ou Forcarei.

"Estamos metidos de cheo nun novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e que agora vai polas terras, montes, e mesmo polo mar, mentres que a pobreza enerxética aumenta e comarcas enteiras van camiño da desertización social e industrial", xustifican desde Eólica Así Non, ao tempo que sinalan as montañas como "principais vítimas da vaga eólica".

Neste senso, explican que as montañas "representan as nascentes dos ríos e regos dos que nos abastecemos de auga, ofrecendo 80% dos recursos hídricos que consumimos, e proporcionando outros múltiples e variados servizos ecosistémicos como o control da erosión do solo, a regulación atmosférica, a paisaxe, reservorio do noso patrimonio cultural, reserva de hábitats de alto valor natural e grande biodiversidade".

Mais as montañas, enfatizan, son tamén fogar e medio de vida de boa parte da poboación galega, "a miúdo esquecida e especialmente indefensa ante o asoballamento das empresas especuladoras da enerxía que ademais contan coa conivencia das administracións públicas".

"As eléctricas triplican beneficios xa que o prezo da luz está a sufrir a súa maior escalada na historia e o marco regulatorio e tarifario en vigor está ao seu servizo, demostrándose a falsidade da afirmación de que a máis parques eólicos, máis barata será a factura eléctrica", censuran, ao tempo que poñen o foco nos máis de 300 proxectos eólicos que se están a tramitar actualmente na Galiza.

"Estanse a autorizar proxectos eólicos ilegais", alerta Eólica Así Non

"Temos que denunciar que o actual sistema para a implantación da enerxía eólica segue rexéndose por unha planificación sectorial caduca, de finais dos anos 90, e por unha lexislación que favorece o oligopolio enerxético. É absolutamente rexeitábel que toda a nova normativa que se leva aprobada polos gobernos galego e español, e que agora se anuncia tamén desde a UE, vaia no camiño de fomentar a vía de urxencia, a simplificación administrativa, a eliminación da obriga das avaliacións ambientais para a autorización de instalacións eólicas, a restrición á participación pública, facendo irrelevante a conservación do medio natural e do patrimonio e outorgándolle ás empresas dereitos de usurpación das terras. Estanse a autorizar proxectos eólicos ilegais, tal e como o están a verificar os Tribunais de Xustiza", advirten.

En consecuencia, diante desta situación, Eólica Así Non chama a cidadanía galega a participar das mobilizacións do vindeiro 11 de decembro con nove claros obxectivos: "Protexer a natureza, preservar os caladoiros de pesca e os corredores ecolóxicos mariños, coidar e valorar o patrimonio, garantir o dereito a unha enerxía compatíbel coa soberanía alimentaria, apostar no aforro e a eficiencia enerxética, defender a soberanía sobre os nosos recursos fronte ao espolio enerxético, aprobar unha planificación eólica con fins socioambientais e ao servizo do país, potenciar a participación pública fronte aos recortes ilegais e salvagardar o principio de precaución para a preservación da saúde pública".