'Eólica Así Non' fai un chamado a manifestarse o 5 de xuño por un modelo enerxético "alternativo" e "sustentábel"

Representantes da coordinadora 'Eólicos Así Non'. (Foto: Arxina)
As entidades convocantes abordaron a "necesidade" de "rachar co modelo tradicional de produción e consumo de enerxía". O obxectivo é "acadar unha transición ecolóxica e unha descarbonización da economía socialmente xusta e ecoloxicamente viábel".

A Coordinadora Eólica Así Non fixo un chamado nesta cuarta feira para manifestarse o vindeiro 5 de xuño, con motivo do Día do Medio Ambiente, por un modelo enerxético "alternativo, xusto, sustentábel, por e para o pobo".

A coordinadora, integrada por máis de 180 entidades e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais e sindicais da Galiza, convocou unha rolda de prensa na que animou a participar na mobilización que artirá ás 12 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela e rematará na Praza do Obradoiro, baixo o lema "Temos Alternativa!".

As entidades convocantes abordaron a "necesidade" de "rachar co modelo tradicional de produción e consumo de enerxía". O obxectivo é "acadar unha transición ecolóxica e unha descarbonización da economía socialmente xusta e ecoloxicamente viábel".

Eólica Así Non  contrapuxo a súa alternativa co "actual modelo imposto pola Xunta e do Estado español", que para a coordinadora "só responde aos intereses das grandes corporacións da enerxía" e que "non contribúe a superar o reto climático, pois segue apostando polo espolio do territorio, a fragmentación de hábitats, a perda de biodiversidade e por unha produción intensiva e centralizada da enerxía que somete cautiva á sociedade".

Necesidade "urxente" de tomar medidas

A plataforma destaca que, "un ano despois de conseguir congregar a milleiros de persoas na Praza do Obradoiro para reclamar a moratoria dos proxectos eólicos en tramitación e unha nova planificación eólica", segue a teimar na necesidade "urxente" de adoptar estas medidas.

Asemade, apela a un cambio de modelo enerxético que "se enfronte á lóxica do crecemento capitalista, que rache a dependencia entre o aumento do consumo da enerxía e a mellora do noso benestar social".

"Un cambio de rumbo cara un sistema no que a enerxía sexa concibida como un dereito fundamental da sociedade, que poña o interese público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación e que outorgue aos poderes públicos e á sociedade un papel activo na planificación e na toma de decisións", manifesta Eólica Así Non.

 Modelo enerxético "xusto" e "sustentábel"

Durante a manifestación do vindeiro 5 de xuño, darase lectura a un manifesto que recolle nove principios para acadar un modelo enerxético "xusto" e "sustentábel".

A coordinadora destaca que debe ser coherente coas directivas europeas de protección ambiental; estas deben prevalecer sobre o impulso de novos proxectos de produción intensiva de enerxía renovábel; debe coidar e valorar o patrimonio cultural "que nos outorga identidade tanto material como inmaterial".

O cuarto principio é que un modelo enerxético alternativo debe ser compatíbel co dereito dos galegos e galegas a acadar a súa soberanía e seguridade alimentaria; debe primar o aforro e a eficiencia fronte o aumento da capacidade de xeración enerxética-

O sexto principio aposta porque a Galiza deixe de ser espoliada enerxeticamente e teña soberanía para decidir sobre os seus propios recursos; o deseño dunha nova planificación eólica e enerxética con fins socioambientais e ao servizo do país; o oitavo principio do manifesto apela pola derrogación das "leis de depredación" e por un modelo enerxético no que se garanta a participación pública fronte aos recortes dos dereitos democráticos.

O derradeiro punto apela ao principio de "precaución" para preservación da saúde pública no proceso de implantación de novas instalacións de xeración eléctrica ou sobre as que xa están instaladas próximas a núcleos de poboación.