Educación

Entra en vigor a nova lei de Universidades. Cales son as novidades?

Exámenes de ABAU en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Entre as modificacións da nova norma destaca o compromiso de gasto do 1% do Produto Interior Bruto (PIB) para 2030.

A nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), que recoñece ao estudantado o dereito ao paro académico e impide aos colexios maiores adscritos a universidades públicas segregar por sexo, entra en vigor esta cuarta feira, 20 días despois da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Entre as modificacións da nova norma destaca o compromiso de gasto do 1% do Produto Interior Bruto (PIB) para 2030; inclúe entre as funcións do claustro universitario "analizar e debater temáticas de especial transcendencia"; ou que unha persoa non funcionaria poida ser reitor de Universidade.

Precisamente, a norma sinala que os candidatos a reitor "deberán ser persoal docente e investigador permanente doutor a tempo completo e reunir os méritos de investigación, docencia e experiencia de xestión universitaria que determinen os Estatutos".

Así mesmo, o texto inicial aprobado polo Goberno foi modificado durante a súa tramitación parlamentaria no Senado para estabelecer que, até que se produza a adaptación dos Estatutos e se determine pola universidade os méritos de investigación, docencia e experiencia de xestión universitaria que deberán reunir os candidatos a reitor, exixiráselles como mínimo estar en posesión de tres sexenios de investigación, tres quinquenios docentes e catro anos de experiencia de xestión universitaria nalgún cargo unipersoal. As universidades contan cun prazo máximo de dous anos para adaptar os seus Estatutos á LOSU.

Dereito á folga

Respecto ao paro académico, que poderá ser total ou parcial, a lei estabelece que deberá respectar "o dereito á educación do estudantado". "As universidades desenvolverán as condicións para o exercicio do devandito dereito e o procedemento de declaración do paro académico, que será efectuada polo órgano de representación do estudantado", precisa o documento, que tamén indica que, coa nova Lei de Universidades, a participación dos estudantes nos órganos de goberno da universidade como o Claustro ou os Consellos de Facultade ou Departamento alcanza na LOSU un mínimo de 25%.

Ademais, estabelece que a figura de profesor ssociado achegará os seus coñecementos naquelas materias nas que a súa experiencia profesional resulte relevante, limitando a súa docencia a un máximo de 120 horas lectivas; e incorpora a figura do profesorado Substituto cuxa finalidade é a de substituír ao PDI con dereito a reserva de posto de traballo que suspenda temporalmente os seus servizos, co obxectivo de evitar que as universidades se vexan obrigadas a recorrer a outras figuras, como a do asociado.

Outro dos principais puntos da nova lei está no relativo á formación ao longo da vida, é dicir, facer que as universidades estean dirixidas a todas as idades, para dar resposta ás necesidades competenciais na idade adulta e polo cambio demográfico previsto nos próximos anos.

Ciencia aberta e linguas

Tamén pon énfase nos aspectos relativos aos retornos á sociedade incorporando novos principios para as avaliacións ao profesorado; estas serán cualitativas e cuantitativas, terán en conta o acceso aberto das publicacións, o impacto territorial das investigacións, a pluralidade lingüística, a experiencia profesional, e as particularidades de cada disciplina académica.

Ademais, e para evitar dinámicas ‘endogámicas’, en todos os concursos públicos a universidade convocante estará en minoría e os membros serán escollidos por sorteo.

No relacionado coa gobernanza, expón que a elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade universitaria realizarase mediante sufraxio, e contará con catro estruturas básicas: Claustro, Consello de Goberno, Consello de Estudantes e Consello Social. O Claustro será o máximo órgano de representación e participación da comunidade universitaria.

En materia de xénero, estabelece que para crear unha universidade, pública ou privada deberanse contar con plans de igualdade, medidas para eliminar a fenda salarial e protocolos fronte a todo tipo de acoso. Por outra parte, as Unidades de Igualdade e as de Diversidade serán obrigatorias e todos os órganos das universidades e as comisións de avaliación ou selección de persoal serán paritarios. Ademais, nos concursos poderanse aplicar accións positivas para contratar, en igualdade de condicións de idoneidade, ao sexo menor representado.

Galego no Erasmus?

O Congreso incluíu que a nova lei asegurará a inclusión do galego, catalán, e euskera no programa Erasmus, así como outros programas de mobilidade que conten con financiamento público e incluíuse que as comunidades autónomas e as universidades "promoverán a presenza de universidades, estudantes e as distintas instancias do sistema universitario estatal nos órganos e foros de representación internacional universitaria".

Respecto ao acceso a titulacións de formación permanente e ao longo da vida, a LOSU incorporou que as persoas que non posúan ningunha titulación universitaria habilitante para acceder ás titulacións de formación permanente e que poidan acreditar experiencia laboral ou profesional con nivel competencial equivalente á formación académica universitaria, poderán acceder aos ensinos universitarios de formación permanente mediante un procedemento de recoñecemento da experiencia profesional.

O texto tamén abre a porta a que as universidades privadas sen ánimo de lucro poidan participar en programas públicos de fomento da investigación. Así, sinala que os programas de fomento de proxectos para a investigación, creación e transferencia e intercambio do coñecemento impulsados polas Administracións Públicas "facilitarán a participación das universidades de carácter social e sen ánimo de lucro declaradas de interese público".