Entra en vigor a normativa que regulará a Semana Santa galega

O barrio de Bouzas, en Vigo, a finais de febreiro após decretarse o inicio da desescalada (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).
Grupos de até seis non conviventes nas praias, sen limitación no caso de pertencer á mesma unidade de convivencia.

Desde a madrugada desta sexta feira estarán vixentes as novas medidas aprobadas polo Comité Clínico, que se aplicarán até pasada a Semana Santa. Porén, as restricións revisaranse a finais de marzo.

O toque de recoller mantense nas 22 horas, e o país continúa fechado de cara ao exterior. O delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, advertiu da "tolerancia cero" coa que actuarán as forzas policiais neste senso.

Reunións sociais

As reunións entre persoas non conviventes en domicilios privados están prohibidas, agás no caso das persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada, ou cando houber un vínculo matrimonial ou de parella. Tamén para o coidado de menores de idade e dependentes.

Si se permiten, pola contra, as reunións de non conviventes en espazos públicos, abertos (seis persoas) e fechados (catro), agás no nivel máximo.

Mobilidade

Hai liberdade total de desprazamento no interior do país, excepto nos concellos do nivel máximo, dos que non se pode entrar nin saír.

Hostalaría

Nos municipios do nivel máximo, a hostalaría só pode ofrecer a recollida no local (até as 21.30 horas) e entrega a domicilio (00.00 horas). No nivel alto, os estabelecementos poden atender a 50% nas terrazas, até as 21 horas, mentres no medio tamén se permite no interior, a 30%. Nos concellos do nivel baixo, en cambio, pódese dar servizo no exterior a 75% e no interior a 50%. En ningún caso se permite consumir na barra.

Actividades deportivas

No nivel máximo só se pode practicar deporte en espazos exteriores e de forma individual ou con conviventes, mentres nos outros tres niveis permítese un máximo de seis non conviventes ao aire libre e catro en espazos interiores, con capacidade de 30% en ximnasios, pavillóns e piscinas (50% no nivel baixo).

Turismo

Permítense as visitas guiadas en grupos de até oito persoas, conviventes ou non. O máximo é de seis (e 50% do espazo) no caso dos centros de interpretación, aulas da natureza e puntos de información da Rede galega de espazos protexidos. Os albergues, así mesmo, teñen unha capacidade máxima de 30%.

Praias

Nas praias, os grupos serán dun máximo de seis persoas non conviventes (sen limitación no caso de non selo), e o espazo que ocupe cada usuario será, cando menos, de catro metros cadrados. A máscara é obrigatoria, agás durante o baño e ao ficar sentado nun lugar concreto.

Asistencia a eventos

En bibliotecas, arquivos, salas de exposicións e museos permítese 30% da capacidade (50% no nivel baixo), e grupos de até catro persoas, conviventes ou non. A asistencia a eventos deportivos, cinemas, auditorios e teatros permítese tamén con 30% de capacidade (50% no nivel baixo) e un máximo de 250 persoas en espazos fechados e 500 ao aire libre (300 e 1.000 respectivamente no nivel baixo). Nos lugares de culto, a capacidade amplíase a 50% no nivel baixo e fica en 30% no resto.

Restricións por concello

Nivel máximo: Maside, Paradela e Vilardevós.

Nivel alto: Arteixo, Boborás, A Mezquita, Neda e Pontecesures.

Nivel medio: Bergondo, Boimorto, Chantada, Coles, A Coruña, Culleredo, Guitiriz, Laxe, Mugardos, Pantón, Ponteceso, Sober, Soutomaior e Valdoviño.

Nivel baixo: os concellos restantes da Galiza.