O persoal da cafetaría da Xunta denuncia incumprimentos e irregularidades laborais

A representación sindical afirma que as e os traballadores da concesionaria mesmo teñen recibido os pagos en man para “que asinen a nómina e logo non poidan reclamar cantidades”.

Protesta de persoal da cafetaría da Xunta. (Foto: CIG)
photo_camera Protesta de persoal da cafetaría da Xunta. (Foto: CIG)

As e os empregados da cafetaría situada no edificio administrativo da Xunta en Compostela protagonizaron hoxe unha nova concentración en protesta polos “graves incumprimentos do convenio” e as “irregularidades” que supostamente comete con eles o Grupo Baiuca, que ten a concesión do servizo.

Segundo o delegado sindical da CIG no local de hostalaría, Gerardo Pablo Caramés, esas accións fóra da normalidade no que atinxe á lexislación laboral son “constantes”.

Por exemplo, acusa á empresa de facer unha rebaixa “unilateral e ilegal das bases de cotización” de todo o persoal, que ademais incumpre o convenio da hostalaría.

“Fan mal o pago de salarios, con numerosos erros nas nóminas e acumulando débedas con todo o persoal que está en ERTE a tempo parcial”, incidiu o representante na acción pública de hoxe.

Nas cuestións do cobro, afirma que a concesionaria da Xunta en San Caetano “deixou de facer o pago das nóminas a través de transferencia bancaria para facelo en efectivo e en man”. Caramés sostén que é unha estratexia para que as e os operarios asinen as nóminas e logo non teñan a posibilidade de “reclamar cantidades” malia que estean erradas.

O problema, engade, é que tampouco se permite a negativa a asinar por ver que o soldo é menor ao acordado porque existen “ameazas” por parte do Grupo Baiuca.

“Estase utilizando o ERTE parcial, que actualmente ten a empresa, coa finalidade de castigar aos traballadores e traballadoras que reclaman os seus dereitos”, critica o delegado da CIG.

Esta situación de enfrontamento só derivou “nunha grande precariedade” para as e os traballadores polo que non descartan ten que recorrer á folga.

Comentarios