Entra en vigor a Lei de eutanasia sen os deberes feitos na Galiza

Homenaxe a Ramón Sampedro na praia das Furnas, Porto do Son, con motivo do Día da morte digna de 2019. (Foto: Europa Press)

Entrou en vigor esta sexta feira a Lei Orgánica para a regulación da Eutanasia, aprobada o pasado mes de marzo no Congreso dos Deputados, e que estabelece que esta práctica poderase levar a cabo a pacientes que o soliciten e que se atopen nun contexto de "padecemento grave, crónico e imposibilitante ou enfermidade grave e incurábel, causantes dun sufrimento intolerábel".

Despois da primeira solicitude da eutanasia, que pode exercerse desde a sexta feira, o médico responsábel informará o paciente sobre o seu diagnóstico, posibilidades terapéuticas e resultados esperábeis, así como sobre posíbeis coidados paliativos, asegurándose de que comprende a información que se lle facilita".

Tras iso, o paciente deberá confirmar a súa intención. Aínda así, despois da segunda solicitude debe haber unha nova reunión entre ambos.

Será este médico quen autorizará o proceso, antes, ten que pedir a opinión dun facultativo formado no "ámbito das patoloxías que padece o paciente" pero que non sexa do seu "mesmo equipo do médico".

Así mesmo, a comisión de avaliación autonómica (cuxa formación está especificada tamén na norma) deberá elixir dous expertos (un deles xurista) que avalíen o caso. Ambos os expertos deben de estar de acordo na súa decisión, xa que, pola contra, será o pleno da comisión quen a tome.

Do mesmo xeito, este texto recolle que os profesionais sanitarios directamente implicados nesta prestación "poderán exercer o seu dereito á obxección de conciencia", un reparo que "deberá manifestarse anticipadamente e por escrito".

Así mesmo, segundo adiantou na cuarta feira a ministra de Sanidade, Carolina Darias, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) aprobou o protocolo para a valoración da incapacidade de feito para a eutanasia, o cal rexerá o procedemento que deben seguir os médicos en situacións nas que o paciente non se atope en uso das súas facultades e non poida realizar as solicitudes necesarias.

"Este protocolo é necesario porque é un manual de recomendacións que están ao dispor do persoal médico para poder levar a cabo, no caso de que a persoa non sexa capaz, o procedemento estabelecido para ir vendo as distintas situacións", aseverou a ministra de Sanidade.

Sen comisión de garantía

Na Galiza entra en vigor a lei sen que se teña creado a comisión de garantía. O motivo, segundo explicou na quinta feira Feixoo, após o Consello da Xunta, é que se solicitou que o Consello Consultivo se pronuncie sobre o decreto que vai regular este órgano.

Sinalou que é cuestión de "semanas" que haxa un ditame que achegue a "máxima seguridade xurídica" á devandita comisión, polo que, de haber algún caso en conflito, estaría en funcionamento para pronunciarse cando corresponda.

Na súa intervención, recoñeceu que hai "bastante discusión" entre o colectivo médico en relación a facer pública a lista de obxectores. Sobre a súa opinión en relación á lei, que foi recorrida polo PP ante o Tribunal Constitucional, expresou que a norma de coidados paliativos aprobada "por unanimidade" no Parlamento galego en 2015 era máis respectuosa "coas distintas sensibilidades".

"Pero hai unha lei posterior do Congreso en vigor, e cumprimos taxativamente o seu alcance e contido; non se trata de dar a opinión de cada un, senón de respectar o Estado de Dereito", defendeu.

Á espera do decreto que creará a comisión de garantía e avaliación da eutanasia, a Xunta colgou no portal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) o protocolo sobre o procedemento administrativo e a guía técnica asistencial sobre o procedemento médico.