O arcebispo de Compostela cualifica de “acto homicida” a eutanasia

O arzobispo Julián Barrio. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Julián Barrio pronunciouse sobre este tema ao fío da entrada en vigor da lei que legaliza esta práctica en casos graves. Opina que “o suicidio asistido é unha derrota para todos”.

A entrada en vigor da Lei da Eutanasia -aínda que na Galiza fiquen os deberes por facer- non sentou nada ben á Igrexa. O arzobispo de Compostela, Julián Barrio, mesmo atreveuse a sinalar que este é un “acto homicida” sen entrar a valorar o sufrimento das persoas que recorren a esta saída.

Ante a norma, que ve como “unha derrota para todos”, pide “atención humana, espiritual e médica”.

Malia as demandas de diferentes colectivos, o representante da Igrexa defende que esta “non é a solución ao sufrimento insoportábel”. 

"Recoméndovos facer o testamento vital ante a lei da eutanasia recentemente aprobada. No peregrinar da nosa existencia é necesaria a credencial deste testamento", afirma Barrio na Carta Pastoral 'A credencial do testamento vital'.

Así, insiste en que a institución pola que fala “defende a vida desde a súa concepción até a morte natural”, malia que haxa que dar atención especial ás “persoas debilitadas”.

Dado o “valor sacro” da vida chama á cidadanía a "acollela, protexela e acompañala en todas as súas etapas, e en calquera das súas circunstancias".

"Unha acción ou unha omisión que, de seu ou na intención, provoca a morte para suprimir a dor, constitúe un homicidio gravemente contrario á dignidade da persoa humana e ao respecto do deus vivo e creador”, acusa.