Entidades veciñais de Mazaricos obterán 2,2 millóns polo parque eólico A Ruña

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, á dereita, durante a sinatura do acordo. (Foto: Concello de Mazaricos)
18 entidades veciñais, sociais e de montes de Mazaricos chegaron a un acordo coa empresa Eurus-Desarrollo Renovables, promotora do parque eólico A Ruña, polo que a empresa asumirá gastos destas entidades por valor de 2,2 millóns de euros nun período de 30 anos. Colectivos sociais rexeitan os aeroxeradores no Monte Neme na comarca bergantiñá.

Un total de 18 entidades veciñais, sociais e de montes de Mazaricos chegaron a un acordo coa empresa Eurus-Desarrollo Renovables, promotora do parque eólico A Ruña, polo que a empresa asumirá gastos de funcionamento e posta en marcha de actividades das entidades en cuestión. En total, recibirán 72.000 euros anuais durante 30 anos, sumando un investimento total de 2,2 millóns de euros por parte da empresa, vinculado á instalación dunha ducia de aeroxeradores en Arcos, Beba, Coiro e Colúns.

Segundo sinalan desde o Concello de Mazaricos, o acordo é pioneiro na Galiza, e supón "o primeiro recoñecemento das comunidades veciñais como actores de pleno dereito no proceso de produción da enerxía eólica".

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco (BNG), en declaracións a Nós Diario, destacou "o carácter social deste acordo", que supón "a primeira vez que na nosa contorna inmediata se ten en conta dunha maneira tan directa os intereses da veciñanza". Con esta negociación, insistiu Blanco, asúmese que "na xestión dos recursos eólicos galegos a propia poboación de cada lugar ten que ser directamente beneficiada da explotación", nun momento "no que estamos vendo que hai unha importante problemática cos prezos da electricidade e da produción enerxética". 

O mandatario salienta que o acordo promove “a simbiose” entre empresas, veciñanza e Concello, marcando un “precedente que deberían seguir outras Administracións”. O convenio “é unha mostra doutra maneira de xestionar a enerxía eólica que respecta e ten en conta os intereses da veciñanza”, engadiu o rexedor da localidade.

Blanco agradeceu a implicación das partes na procura do acordo e lembrou que tamén o Concello de Mazaricos como institución terá acceso a unha nova fonte de financiamento grazas á taxa de 4% que marca o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) municipal. O proxecto de Eurus achegará 1,2 millóns de euros neste concepto nun primeiro momento e outros 180.000 anuais por actividades económicas e imposto de bens inmobles. “É destacábel o que supón este importe para un Concello co volume de orzamento de Mazaricos, e como nos permitirá seguir medrando en investimento público e gañando en autonomía financeira”, sinalou o rexedor do BNG, que asegurou que “se este acordo por megawatt, sumado ao canon eólico da Xunta, se tivera asinado no seu momento para cada un dos parques eólicos actualmente existentes en Mazaricos, seriamos un Concello cunha autonomía financeira moi importante, o que nos permitiría ser autosuficientes en moitos aspectos respecto a outras Administracións”.

O rexedor, Juan Blanco, satisfeito

O rexedor de Mazaricos, Juan Blanco, considera que o acordo asinado entre 18 entidades veciñais do municipio e a empresa Eurus-Desarollo Renovables marcará un fito na historia do sector eólico na Galiza ao pór en valor a responsabilidade social das empresas e a consideración dos intereses veciñais. Para o alcalde, o acordo é un exemplo de que “en Mazaricos estamos dispostos a chegar acordos e poñer en valor o potencial produtivo do noso monte, sempre que se respecten os intereses da veciñanza”. Para Blanco, as condicións deste parque en comparación coas de outros “son coma o día e a noite”.

Rexeitamento do proxecto eólico no Monte Neme

Diversas plataformas e entidades bergantiñás denunciaron, a través dun comunicado, a intención da Xunta da Galiza de construír "unha estación macroeólica". Ademais, critican que o Executivo galego non restaure "os labores mineiros abandonados do Monte Neme nin drene as augas ácidas das balsas de lodos, froito da minería irresponsábel e do desleixo da Administración", mais que, pola contra, "permita a instalación de macroeólicos no cume deste monte sacro".

A empresa que prevé desenvolver o proxecto é Enel Green Power España SLU. Segundo denuncian os colectivos, tratan de construír "catro macroeólicos de 200 metros de altura". Alén diso, "prevese a instalación dunha liña de evacuación que pode ter un impacto moi grave e que tería unha lonxitude e 15km con 64 apoios", acrecentan. "As instalacións afectan directamente canles como a Fonte Seca, orixe do rego Bandeira, onde se atoparon restos cerámicos e a coñecida 'arracada' de Cances, unha xoia de ouro galaica da Idade de Ferro", inciden.