Maite Caramés, cofundadora da UTEG durante a dictadura

“No ensino, sen as mulleres non se podía facer nada”

Maite Caramés.(Foto:Nós Diario).

Maite Caramés é un dos nomes propios do sindicalismo no ensino durante a ditadura. Cofundadora da Unión de Traballadores do Ensino da Galiza na clandestinidade, precedente da CIG-Ensino. Conversamos con ela con motivo do Día das Mulleres Traballadoras coa ollada tamén posta no Día da Clase Obreira Galega.

Como lembra o proceso de posta en marcha do sindicalismo galego no ensino, no seu caso da Unión de Traballadores do Ensino da Galiza (UTEG)?

Lémbroo como algo no pasado, como un proceso de concienciación sobre todo coa Galiza pero tamén coa realidade que te rodea. Eu chegaba de Madrid, de Inglaterra, de Francia e púxenme a traballar nun instituto como profesora non numeraria (PNN), cun montón de xente nova, nun momento en que había un aumento grande de alumnado de secundaria e con moito persoal con contratos anuais.

Lembro que había concienciación en relación á lingua, á renovación pedagóxica, ao que ías ensinar e tamén á aprendizaxe. No meu caso como profesora de lingua, lembro a dificultade que me supuña a ausencia no galego de rexistro axeitado para utilizalo en materias e situacións en que normalmente non se empregaba e dos problemas de reacción por usar o galego en ámbitos en que non se utilizaba.

Recordo tamén un debate moi duro entre aqueles que seguían apostando por unha central sindical única nos momentos finais da ditadura, cando a UXT xa se tiña presentado publicamente, e aqueles que defendían lanzar un sindicado nacionalista, decisión que finalmente se adoptou e que o tempo demostrou acertada.

Sobre que reivindicacións se ergueu  a UTEG e que loitas destacaría naqueles anos finais da ditadura?

A cousa comeza coa loita dos PNN, que xa era unha cuestión sindical. Esas loitas empezan con despidos, tendo moita importancia nas mesmas o Colexio de Licenciados, que era a plataforma que tíñamos na clandestinidade na Galiza e onde convivían xentes organizadas do Partido Comunista (PC), da Liga Comunista Revolucionaria (LCR) e do Movemento Comunista (MC).

Outra loita moi importante foi a da lingua, e tamén a da renovación pedagóxica, que se traduce nas xornadas do ensino. As primeiras xornadas, alá en Maceda, foron disolvidas pola policía, podéndose realizar as segundas. E ligado a estas, a defensa dun ensino laico, gratuíto, público e galego.

Neste contexto dáse a loita polo corpo único de ensinantes, porque daquela Comisións Obreiras (CCOO) e o Sindicato Galego de Traballadores do Ensino (SGTE) defendían que aos PNN lle deran un contrato laboral e iso foi un dos elementos de diferenza na práctica sindical. Nós reclamabamos un corpo único en base á idea "igual traballo, igual salario" porque naquel momento no ensino medio había tres categorías salariais, os catedráticos, os agregados e os PNN, que cobraban moito menos.

Que papel desenvolveron as mulleres no proceso de lanzamento e de construción do sindicalismo no ensino nos seus primeiros anos?

No ensino era evidente que sen as mulleres non se podía facer nada, sobre todo, no ensino primario, pero tamén no secundario. Dentro das reivindicacións que aparecían, só está, que eu lembre, a coeducación, sen ningún outro tipo de referencia teórica. Na práctica, o meu recordo, que pode ser moi subxectivo, é que fundamentalmente as mulleres tivemos un papel moi importante porque eramos maioría, pero sobre todo no traballo de formiga, é dicir, de facer carteis, reunións interminábeis, coller o coche e marchar a xuntanzas a Compostela. Pero o meu recordo, tamén é que a maioría das mulleres que estabamos activamente aí na UTEG eramos mulleres sen compromiso familiar, é dicir, que aqueles que participaban con compromisos

"As actuacións públicas parecían cousa de varóns"

Como era a participación das mulleres naquelas primeiras estruturas organizativas nun mundo tan masculinizado como o do sindicalismo?

A nosa actuación era fundamentalmente nos ámbitos privados. Lembro o temor que eu tiven que vencer para entrar en actuacións públicas, que parecían cousa de varóns, moito máis afeitos e mesmo aceptados.

Aínda lembro o que me custaba intervir en asembleas de 500 persoas, só decidirte a pedir a palabra para dicir algo era difícil.

En todo caso, como dato obxectivo, en 1980, durante o proceso de unificación entre a Intersindical Nacional Galega (ING) e a Confederación de Traballadores Galegos (CTG), que dá orixe á Intersindical nacional de Traballadores Galegos (INTG), o secretariado nacional estaba formado por sete da ING e catro da CTG, todos varóns.