Atención Primaria, da marxinación á primeira liña da asistencia sanitaria

A atención telefónica centra os esforzos do persoal sanitario durante o confinamento (Europa Press).
Malia o estado de alarma e o feche de centros de saúde, a Atención Primaria segue tendo pacientes e atendendo patoloxías. MAgoada por anos de recortes, nunca deixou de estar na primeira liña, mais agora está chamada a asumir un papel protagonista na loita contra o coronavirus.

Avanzouno o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e confirmouno o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo. A Atención Primaria terá un papel protagonista após o confinamento, durante as sucesivas fases de desescalada.

Así, un dos servizos da sanidade pública máis castigado polos recortes, a privatización e o desmantelamento está chamado a ser o estandarte da loita contra o coronavirus e a principal referencia asistencial para miles de cidadáns e cidadás, como o é aínda hoxe, "baixo o estado de alarma e con moitos centros de saúde periféricos clausurados", salienta José María Dios, secretario da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e médico de Atención Primaria no concello de Outes.

"Que Núñez Feixoo diga que vai potenciar a Atención Primaria é un brinde ao sol. Unha mentira, xa que os feitos desdín día a día o que está facendo. Nada máis chegar botou por terra o plan de mellora da Atención Primaria, consensuado polo Goberno e as organizacións científicas, profesionais, políticas e sindicais. E despois, durante 11 anos, retirou mil millóns de orzamento da Atención Primaria. Desmantelou e privatizou servizos día a día".

Máis teleasistencia e ampliación de horarios

Segundo adiantou a pasada segunda feira o xefe do Executivo galego, os expertos do comité clínico do Sergas traballan nun plan para recuperar a actividade asistencial ordinaria do Servizo Galego de Saúde. "Estamos esbozando a sanidade que queremos no futuro", sinalou o presidente da Xunta en referencia a un novo modelo sanitario que buscará "desmasificar as salas" de espera, de diagnóstico e de consulta.

Neste sentido, apuntou a recomendación do comité experto de incrementar a teleasistencia e as consultas telefónicas ademais da intención de ampliar o horario de atención nos centros de saúde e hospitais co fin de evitar aglomeracións. Para afrontar todos estes cambios, dixo, o Sergas ten profesionais suficientes.

Mesa sectorial

Após estes anuncios, as organizacións sindicais urxen á Administración galega a escoitar as demandas das profesionais sanitarias e a convocar unha reunión da Mesa Sectorial que garanta a negociación das condicións de traballo do persoal.

Desde a CIG-Saúde, critican que a Xunta avance unha posíbel reordenación dos recursos humanos do Sergas sen identificar as necesidades de persoal nin prescindir de contratos que consolidan a precariedade. Piden, ademais, que se publiquen as conclusións das comisións de traballo de Atención Primaria para definir as competencias de todos os grupos profesionais e, a partir de aí, deseñar novos protocolos de relación entre a Atención Primaria e as especialidades hospitalarias.

Na mesma liña, desde CCOO, exixen unha mellor dotación dos centros de saúde e do seu persoal. "A Atención Primaria non ten profesionais suficientes para acometer este novo reto nos termos que anunciou Feixoo", declara Emilia Lamas a Nós Diario.

Segundo a responsábel de Sanidade do sindicato, "cómpre reforzar o sistema sanitario". Así, reclama investir 25% do orzamento da sanidade pública para mudar as cousas na Atención Primaria, e de cara ás novas etapas de desescalada, material de prevención suficientes para todo o persoal e máis profesionais para dedicarlle máis tempo ás doentes que requiran das súas médicas de cabeceira.

Cara a un novo modelo

Coinciden estas demandas coas identificadas polo tamén portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública. Para José María Dios as solucións ás necesidades dos centros de saúde debe buscalas a Xunta no documento final asinado polo Consello Técnico de Atención Primaria, formado por 250 profesionais e 16 comisións técnicas, aínda non difundido.

"Aí está todo: 30 pacientes por xornada, 10 minutos por doente, cotas de non máis de 1.250 cartillas, como resolver a atención en horario de mañá e de tarde, os sábados, nos servizos de urxencia, nos Puntos de Atención Continuada, que teñen que facer as profesionais da odontoloxía, da psicoloxía, da fisioterapia, as terapeutas ocupacionais. Por que non aplican iso? Porque entón, a Atención Primaria igual funciona", sentencia Dios.

Meses de paro e reivindicacións

As folgas na Atención Primaria foron unha contante durante os últimos meses. Ademais de sumarse ás grandes protestas cidadás en defensa da sanidade pública, as profesionais dos centros de saúde secundaron até a chegada do novo coronavirus paros semanais, herdeiros das xornadas de paro iniciais coas que deixaron claras as súas reivindicacións.

Unha Atención Primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo as pacientes. Para iso, exixen orzamento, máis persoal e novas categorías xa que consideran imprescindíbeis para crear a equipos multidisciplinares que atendan os problemas de saúde da poboación, cunha orientación integral e desmedicalizadora. Entre outras, psicoloxía clínica, logopedia, terapia ocupacional ou atención temperá.