Sanidade

Enfermeiras denuncian a situación "insostíbel" que se vive no PAC de Sada

Dúas enfermeiras en plena xornada de traballo. (Foto: Satse).
Enfermeiras de Sada veñen de denunciar "a situación insostíbel que están a vivir" as enfermeiras do Punto de Atención Continuada (PAC) de Sada

Enfermeiras de Sada veñen de denunciar "a situación insostíbel que están a vivir" as enfermeiras do Punto de Atención Continuada (PAC) de Sada na área sanitaria coruñesa con "unha soa enfermeira domingos e festivos".

Así o sinalou o Sindicato de Enfermaría (Satse) nunha nota de prensa, na cal indica que, na actualidade, os domingos e festivos o PAC de Sada, que atende esta localidade, mais tamén Bergondo e Guísamo, "queda só cunha enfermeira e dous médicos".

A persoa usuaria, a prexudicada

"Debido a esta situación, advirten, a prexudicada sempre é a persoa usuaria, xa que neses días (en que as gardas son de 24 horas) a única enfermeira dispoñíbel, ademais das urxencias ten que atender outras necesidades dos usuarios", expón Satse.

Ademais, lamenta que esta asistencia se vexa "mermada", xa que, apunta, "se a enfermeira ten que saír a un domicilio, o PAC fica sen profesionais de Enfermaría, co cal as demoras en atender estes usuarios alónganse".

A poboación a atender aumentou

Advirten de que desde que se puxo en marcha este PAC o número de profesionais é o mesmo, "a pesar de que a poboación sufriu un considerábel crecemento".

Se a enfermeira ten que saír a un domicilio, o PAC fica sen profesionais de Enfermaría, co cal as demoras en atender estes usuarios alónganse

"Este aumento reflíctese nos aumentos de médicos de cabeceira neste centro ", conclúe o sindicato Satse.