Enfermeiras e enfermeiros procedentes da Galiza concentraranse esta terza feira fronte ao Congreso para protestar polo "grave bloqueo" da tramitación parlamentaria da Lei de Seguridade do Paciente.
Así o informou o Sindicato de Enfermaría (Satse), que explica que a Lei de Seguridade do Paciente entrou no Congreso en decembro de 2019.
Porén, dous anos e cinco meses despois, seguen "sen poder garantir de maneira óptima a seguridade asistencial de máis de 47 millóns de persoas nos centros sanitarios e sociosanitarios" de todo o Estado español.
Satse lamenta que siga a "manterse unha excesiva asignación de pacientes por cada profesional de enfermería, que conleva máis riscos, complicacións, efectos adversos, reingresos e un incremento da mortalidade e morbilidade".
Á espera do debate de emendas parciais
O sindicato explica que a norma, que obtivo o respaldo de 700.000 persoas e da práctica totalidade dos grupos políticos, "segue agardando a que se produza o debate das emendas parciais".
Neste sentido, sinalan que a día de hoxe xa se "acordaron perto de 50 prórrogas na Mesa do Congreso".
O lema escollido polo persoal da enfermaría para esta concentración é 'Non máis atrasos. Esiximos ao Congreso que cumpra co seu compromiso'.
"Unha chamada de atención aos representantes políticos que se comprometeron no peor da pandemia para mellorar e reforzar" o Sistema Nacional de Saúde e que "están a demostrar cos seus feitos que xa non lles importa nada o presente e futuro da sanidade e dos seus profesionais", conclúe Satse.