Os encoros galegos seguen á baixa: hoxe almacenan 20% menos de auga que a media da última década

Encoro de Abegondo, no concello de Cambre. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
As reservas de auga da Galiza están a 48% da súa capacidade.

Os encoros galegos continúan unha semana máis perdendo auga e están xa a 48% da súa capacidade, logo de baixar o nivel en 32 hectómetros cúbicos nos últimos sete días.

Segundo os datos facilitados nesta terza feira polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, os encoros das dúas bacías hidrográficas do país conteñen 1.789 hectómetros.

A respecto da semana pasada, os encoros da conca Miño-Sil perderon 29 hectómetros cúbicos de auga até alcanzar os 1.414, isto é, 46,7% da súa capacidade.

Pola súa parte, os da demarcación Galiza-Costa almacenan 375 hectómetros cúbicos, tres menos que hai sete días, o que supón 54,8% da súa capacidade.

Nesta zona sitúase Santiago de Compostela, o punto máis chuvioso de todo o Estado español durante a última semana, con 58 litros por metro cadrado.

En comparación co pasado ano, a conca Galiza-Costa ten 19 hectómetros cúbicos menos, mentres que a do Miño Sil ten 2,6% máis de auga a pesar do contexto de seca.

Aliás, os encoros galegos abranguen a estas alturas do ano até 20% menos de auga que a media rexistrada na última década.