As reservas de auga nos encoros áchanse en valores mínimos en plena tempada de risco "extremo" de incendios

Labores de extinción dun hidroavión no incendio de Castrelo de Miño. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A auga encorada no conxunto do país é a metade da capacidade que teñen as presas galegas, un rexistro 20 puntos inferior á media da última década nesta época do ano.

O lume castiga con forza o país nun momento no que a dispoñibilidade de auga nos encoros é cativa e comezan a decretarse prealertas por episodios de seca en lugares como a contorna do río Lérez.

Esta sexta feira, 5 de agosto, o risco de incendios é extremo na meirande parte do territorio galego, e só na Mariña e arredores é baixo ou moderado.

Índice diario de risco de incendios, a 5 de agosto de 2022. (Infografía: Consellaría do Medio Rural)

As reservas de auga nos encoros da Galiza están actualmente a 52,7% da súa capacidade, catro puntos menos que na mesma semana de 2021 e case 20 menos que a media da última década nesta altura do ano, 71,3%. Na demarcación hidrográfica Galiza-Costa os encoros gardan 63,4% de auga, cando o rexistro habitual é de perto de 75%.

Porén, a situación é especialmente grave na bacía Miño-Sil, que se atopa a 51,2% da súa capacidade. O dato medio dos últimos dez anos nesta semana do ano é de 69,1%.

Así, os encoros de maior tamaño desta demarcación fican por baixo da metade do total de auga que poden reunir: 40,1% en Belesar e apenas 23,5% en Portas.

Baleirado de encoros

Cómpre lembrar neste senso que o pasado ano as eléctricas Iberdrola e Naturgy ficaron no foco da polémica polo baleirado de encoros en plena época estival no Miño-Sil, unha cuestión que chegou a instancias da Fiscalía após a denuncia presentada por Adega.