Ence, obrigada a parar temporalmente a súa actividade polo baixo nivel do río Lérez

Vista da factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Europa Press)
A compañía descoñece cando poderá retomar os traballos.

O baixo nivel de caudal ecolóxico do río Lérez fixo que Ence tivese que parar temporalmente a actividade da súa fábrica en Marín, a carón da ría de Pontevedra, segundo comunicou a propia empresa na mañá desta quinta feira.

A Xunta da Galiza, "en exercicio da súa función de velar polo mantemento das masas de auga e o medio ambiente", advertiu á compañía da situación do caudal do Lérez e solicitoulle que detivese temporalmente todo o dispositivo de traballo.

Ence asegura que puxo en marcha de forma inmediata esta parada e o proceso está a executarse "en condicións de total seguridade". "Esta suspensión da operación na fábrica prolongarase até que se normalice o caudal do río, en cumprimento da normativa vixente", sinalou.

Consumo e captación de auga

A compañía alega que "a biofábrica mide de forma continua, con caudalímetros calibrados e certificados, os seus consumos, nos que as oscilacións máximas son de 0,55 m3/s (metros cúbicos por segundo)".

Fronte a iso, indica que as oscilacións no caudal do río Lérez referidas polo Concello de Pontevedra nun escrito dirixido a Augas da Galiza "son 10 veces superiores".

Tal e como comunicou a compañía pasteira recentemente, o Goberno galego reduciu en 60% o caudal da concesión da fábrica de Ence en Pontevedra.

"A compañía está a dar cumprimento a esta redución do seu caudal grazas aos investimentos realizados, á mellora continua e de proceso, que permitiron mellorar a eficiencia e maximizar a reutilización de auga", afirma a dirección da fábrica nun comunicado, no que engade que "en 2021 esta instalación rexistrou o menor consumo de auga da súa historia".