O ecoloxismo sitúa a fichaxe de Beatriz Mato no “idilio entre a patronal enerxética e a Xunta”

“Durante a etapa de Mato como conselleira de Medio Ambiente e até 2019, afirma Adega, a Xunta autorizou tamén 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu 795,000 euros en subvencións e 1.000.000 euros en préstamos ás empresas do grupo”, denuncia Adega.

A fichaxe da ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato como directiva da enerxética Greenalia exemplifica para Adega “os fortes vencellos entre as enerxéticas e determinada clase política”.

Adega fai un repaso: en xaneiro de 2016 unha empresa enerxética (Renova Generación S.L.) foi adxudicataria de 50MW en biomasa na subasta anual das renovábeis. En outubro dese ano Renova Generación S.L. presentou na Xunta un proxecto para construí en Curtis unha planta de xeración eléctrica con biomasa de 50MW. “Mais acontecía que nesa altura o límite de potencia destas plantas eran 10MW, establecido no Decreto 149/2008 aprobado polo bipartito”. O proxecto sobardaba pois o máximo legalmente permitido, sosteñen, “malia ao cal Industria e Medio Ambiente comezaron a tramitalo”.

“Durante a etapa de Mato como conselleira de Medio Ambiente e até 2019, afirma Adega, a Xunta autorizou tamén 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu 795,000 euros en subvencións e 1.000.000 euros en préstamos ás empresas do grupo”

Dous meses despois o PP derrogou esta norma através da "Lei de acompañamento" dos orzamentos de 2017, liberalizando a potencia das plantas de biomasa. “E a principios de 2017 apareceu un proxecto similar coas mesmas características (50MW) e ubicación (Curtis-Teixeiro) da man de "Greenalia S.L.", nova denominación de Renova Generación S.L”.

Lexislar a favor de intereses empresariais

Para Adega este foi un exemplo de como unha administración “lexislou a favor dos intereses empresariais (outra volta o "lobby" pasteiro-enerxético)”. Finalmente, prosegue Adega, en agosto de 2017 autorizou a planta: “da ilegalidade á autorización en menos de 8 meses!”

Durante a etapa de Mato como conselleira de Medio Ambiente e até 2019, afirma Adega, a Xunta autorizou tamén 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu 795,000 euros en subvencións e 1.000.000 euros en préstamos ás empresas do grupo. “Algúns dos parques autorizados, como o parque eólico Campelo, a carón da lagoa de Alcaián en Coristanco e Santa Comba, amosan graves afeccións ambientais a hábitats prioritarios e mesmo a especies endémicas en perigo de extinción, únicas no mundo”.