A empresa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro, sancionada en 2021 con 475.000 euros por "falta de calidade"

Vista do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Sergas)

O servizo de limpeza foi o que máis sancións recibiu, con 205.000 euros.

A empresa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, un conglomerado de construtoras e fondos de investimento, viuse obrigada a pagar 475.000 euros en 2021 ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) pola “falta de calidade” dos servizos sanitarios.

Trátase da segunda maior sanción que recibe esta compañía desde que o centro hospitalario fose inaugurado en 2015. En 2018, a contía da sanción alcanzou os 713.000 euros.

En total, a concesionaria presta un total de doce servizos, entre clínicos e non clínicos. Neste segundo grupo, o maior é o da limpeza, precisamente o que maior porcentaxe da sanción representa. Deses 475.000 euros, 205.000 euros corresponden á falta de calidade nestes labores.

Outros dos servizos que maior sanción económica supuxeron foron os de restauración e lavandaría, ao sumar 63.000 euros cada un.

Servizo de limpeza no Cunqueiro

O servizo de limpeza no Álvaro Cunqueiro está subcontratado nunha filial de Acciona, unha empresa española de promoción e xestión de infraestruturas e enerxías renovábeis. En 2020, traballadores e traballadoras da limpeza mobilizáronse para exixir o reforzo dos cadros de persoal, ante a falta de efectivos.

Nunha situación de especial tensión pola pandemia, os profesionais demandaban que a empresa aumentase o número de traballadores, para poder cubrir as exixencias de limpeza e hixiene que requiría o contexto sanitario derivado da Covid-19.

O comité de empresa chegou a convocar unha folga indefinida en decembro de 2020, ante a falta de diálogo da compañía e os “incumprimentos continuados do convenio das traballadoras”, o que provocou “incontábeis queixas e demandas do persoal”.

Finalmente, a folga desconvocouse un para de días antes de comezar, despois de que Acciona se sentase a negociar co comité e acordasen o reforzo dos cadros de persoal e a modificación dos ratios nas quendas de mañá, tarde e noite.