As emisións de gases de efecto invernadoiro creceron máis de 3% na Galiza en 2021

O sector do transporte é que máis contribúe á crise climática desde 2019. (Foto: Europa Press). (Foto: Europa Press).
O sector do transporte e da enerxía lideraron o incremento.

As emisións de gases de efecto invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 19.096.905 toneladas en 2021, o que supón un crecemento de 3,3% con respecto a 2020. O maior incremento, de 19,9%, rexistrouse no transporte, cuxas emisións regresaron a niveis previos á pandemia.

O transporte de persoas e mercadorías foi responsábel de 26,2% das emisións totais da Galiza, e é desde 2019 o sector que máis contribúe á crise climática.

Así se desprende do informe As emisións de gases de invernadoiro na Galiza (1990-2021), que vén de presentar o Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) elaborado a partir dos datos para a Galiza extraídos do último inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Despois de tres anos consecutivos de descenso, os datos oficiais indican que as emisións volveron subir en 2021.

Sector enerxético

Incrementáronse tamén na industria (7,3%) e as conxuntas de fogares, comercios, institucións e sector primario asociadas ao uso de enerxía fósil (5,6%). O dato máis positivo foi o descenso (-16%), por cuarto ano consecutivo, das emisións do sector enerxético. Malia todo, este sector segue a ser chave na descarbonización da Galiza, pois aínda supón o 14,6% das emisións totais. De feito, os catro maiores emisores industriais en 2022 pertencen ao sector da enerxía, coa central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) á cabeza.

Foron chaves a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón e a suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións

Os datos sobre as emisións en 2021 revelan o grande atraso na desfosilización do transporte, da industria non enerxética e do resto de sectores. Un reto que pasa polo decrecemento do consumo e pola suba da electrificación dos usos enerxéticos finais, afirman desde Ogacli.

Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións da Galiza diminuíron un 34%, debido sobre todo á desfosilización parcial do sector enerxético, que baixou as súas emisións en 12,1 millóns de toneladas (-81,3%).

Para iso, "foron chaves a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente da nova potencia renovábel instalada, maioritariamente eólica, e a suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrada a partir de 2019".

Meta de 1,5 graos

De cara ao futuro, "a Galiza debería diminuír as súas emisións un 65% en 2030 en comparación con 1990. A Xunta elevou o seu obxectivo ao 55%, mais non concretou aínda unha folla de ruta para o lograr, mediante a revisión da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050, de 2019, que só prevé un recorte do 24,6% para 2030".

Os datos oficiais sobre as emisións galegas do ano pasado non se coñecerán até a primavera do próximo ano, confirman desde o observatorio. Porén, baseándose no aumento do 5% das emisións cubertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 30% do total das emisións galegas– ou na estabilización do consumo de produtos petrolíferos e da cabana de gando bovino, pódese avanzar que en 2022 as emisións galegas aumentaron ou reducíronse pouco.

A aceleración da transición enerxética, tanto a través da diminución da demanda como dun crecemento socioambientalmente adecuado das enerxías renovábeis, segue a ser a principal vía para afondar na redución de emisións de gases causantes de cambio climático, aseguran. "Proba diso é que o 71,1% das emisións están ligadas á transformación e o consumo de enerxía fósil".