"A emigración non é pasado; é un problema presente"

Alonso, Louzao e Veciño, durante a rolda de prensa en Compostela para presentar as mobilizacións deste sábado.

Menos de dous meses despois de que a plataforma Vía Galega lanzara a campaña 'Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno na Galiza', as demandas para que as Administracións públicas do país se comprometan co problema -"unha sangría á que lle hai que pór cancelas", explicou Anxo Louzao, un dos portavoces- xa foron debatidas en 27 concellos do país e presentadas no conxunto dos 313.

A iniciativa de Vía Galega xa se discutiu no Parlamento -aínda que sen éxito, pola oposición frontal do PP- e vai camiño de asentar unha idea na que os promotores insisten desde o principio: "A emigración non é un problema do pasado; é un problema presente".

Anxo Louzao, un veterano da acción sindical, estivo acompañado na Libraría Couceiro por Lucía Veciño e Paulo Alonso, xente moza, que recoñeceu que si, que a posibilidade de emigrar está na cabeza das mozas e mozos do país desde que empezan a preocuparse polo futuro, do mesmo xeito que estaba na cabeza dos avós dos seus pais. Louzao, Veciño e Alonso presentaron a convocatoria de concentracións, o seguinte fito da campaña, que se desenvolven este sábado, día 14, en 46 concellos do país: desde Tui a Viveiro, de Cee a Sarria... Porque o problema está presente en todas partes, porque nesta década van 80.000 mozas e mozos emigrados, insiste Louzao, que ofrece unha relación de datos esmagadores sobre as dimensións da hemorraxia. "Entre 2008 e 2017", di, "emigraron de Galiza 216.413 persoas cos idades comprendidas entre os 16 e os 54 anos". E engade: "no ano 1900 a poboación galega representaba 10,6% do total da do Estado; en 1950 aínda era 9,3%; e en 2018 xa só 5,7%". 

Detrás das cifras están as razóns do constante fluxo migratorio xeración tras xeración. E non son nin naturais nin subxectivas, lembran desde Vía Galega.

"A emigración é un problema estrutural da Galiza", volve repetir Anxo Louzao no mesmo lugar no que hai dous meses María Xosé Bravo, outra das portavoces de Vía Galega, presentou a campaña. "A emigración ten a ver coa subordinación política do país, coa ausencia de soberanía total para poder decidir nós, desde aquí. E ten a ver coa dependencia económica da Galiza, co seu rol de colonia na que se espolian recursos naturais, se extrae man de obra barata e se drena aforro para investir fóra", explica Louzao.

E hai responsábeis políticos e Administracións que contribúen a ese estado das cousas, advirten desde a plataforma. Por iso están a petar nas portas dos concellos, sensibilizar á veciñanza desde as prazas, como farán este sábado, e mirar de poñer "cancelas"