“Non emigramos, expúlsannos”

14-D: 46 concentracións simultáneas na Galiza contra a ‘sangría’ da emigración

Convocadas por Vía Galega no marco da campaña na que reclama emprego digno na Galiza.

Un total de 30.249 persoas marcharon da Galiza en 2017, último ano con rexistros. Máis de 80 cada día. Dese total, 18.380 galegos e galegas fixérono con destino a outro territorio do Estado español (1,95% menos que no ano anterior) e 11.869 ao estranxeiro (10,03% máis que en 2016).

Anxo Louzao, un dos voceiros da plataforma Vía Galega, afirmou recentemente en conversa con Sermos Galiza que a emigración “non é só un drama persoal”, senón que tamén é un drama “social e nacional”, unha “sangría” que prexudica o país. Nesta liña, afirma que na última década tiveron que marchar da Galiza por volta de 260.000 persoas entre 16 e 50 anos de idade. Delas, unhas 80.000 tiñan entre 16 e 29 anos.

O devalo do noso país en todas estas décadas é innegábel”, manifestou, poñendo como exemplo que a principios do século XX galegos e galegas eramos 10,6% da poboación do estado mentres que actualmente somos 5,6%.

Para denunciar esta realidade e activar respostas á mesma naceu a campaña “Non emigramos, expúlsannos”, de Vía Galega. No marco da mesma, a plataforma chama a participar nas concentración que convoca para o vindeiro 14 de decembro en 46 vilas e localidades galegas. Mobilizacións que se desenvolverán ás 12:00 horas baixo o lema “Non emigramos, expúlsannos: soberanía para crear traballo digno na Galiza”.