O emérito 'aterra' na Galiza

O avión no que viaxa o emérito aterrando en Vigo (Foto: Europa Press).
Juan Carlos I volve á Galiza case un ano despois da súa última visita, cando precisamente tamén visitou a cidade olívica para logo partir cara a Sanxenxo.

O rei emérito Juan Carlos I aterrou esta cuarta feira no aeroporto de Peinador de Vigo nun voo privado procedente de Londres.

Desde Vigo, o pai de Felipe VI ten previsión de desprazarse en coche até a localidade de Sanxenxo, onde participará co seu barco, o 'Bribón', nunha regata do campionato español de vela, que decorrerá esta fin de semana.

Desta maneira, Juan Carlos I volve á Galiza case un ano despois da súa última visita, cando precisamente tamén visitou a cidade olívica para logo partir cara a Sanxenxo.

Na visita do ano pasado do ex xefe do Estado, máis de 200 profesionais de medios de comunicación desprazáronse a Sanxenxo para cubrir a fin de semana que pasou na localidade galega, onde estivo aloxado na casa do seu amigo e presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos.

Precisamente esta terza feira o delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, foi preguntado pola posta en marcha dun dispositivo especial de seguridade ante a chegada do emérito a Peinador. Dixo que se trata dunha "visita privada", polo que os detalles da mesma "pasan polo que poña en marcha a propia Garda Civil a través dos protocolos técnicos".

Sobre se hai un protocolo específico, limitouse a dicir que "se porá ao dispor do que marque a propia Garda Civil en cada momento", co protocolo que se estabeleza.

“Ninguén me dixo nada”

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, dixo que descoñece cales son os plans do rei emérito na súa visita prevista. "Ninguén me dixo nada, nin o meu amigo Pedro Campos", asegurou.

En declaracións aos medios esta terza feira en Sanxenxo antes de participar na presentación dun evento de tenis, o rexedor incidiu en que o ex monarca será recibido como "un cidadán máis" no municipio, onde, segundo Martín, non se están levando a cabo preparativos nin reforzos especiais de seguridade para a segunda visita de Juan Carlos I desde que fixou a súa residencia en Abu Dabi.

"O ano pasado o rei levaba máis de dous anos sen vir a Sanxenxo e foi noticia a nivel mundial. Se temos a sorte de que veña, vén gozar das regatas na ría de Pontevedra, que é a mellor ría do mundo para facer o deporte que máis lle gusta ao rei", engadiu Martín.