O emérito asegura que volverá "moitas veces" á Galiza este verán

O rei emérito, Juan Carlos I, saudando a bordo do 'Bribón'. (Foto: José Oliva / Europa Press)
Juan Carlos I foi recibido pola tripulación do 'Bribón' entre aclamacións e aplausos mais tamén con berros de “ladrón” por parte da veciñanza.

O rei emérito, Juan Carlos I, asegurou que volverá "moitas veces" á Galiza este verán e apuntou estar "moi contento".

Así o asegurou a preguntas dos medios de comunicación, ás portas do Real Club Náutico de Sanxenxo (RCNS). Na mesma xornada que o 'Bribón' capitaneado por Juan Carlos I conseguiu a primeira posición na regata en que participou.

No RCNS Juan Carlos I foi recibido, pola tripulación do 'Bribón' entre aclamacións e aplausos mais tamén berros de “ladrón” por parte da veciñanza.

Ao descender do coche do seu amigo Pedro Campos o rei emérito, vestido con camisa azul, chaleco e pantalón azul mariño, apoiado no seu bastón sacou unha foto co seu equipo de regatas.

Fuxido en 2020

Estas foron as súas primeiras palabras desde que a cuarta feira chegase á Galiza desde Abu Dabi, a onde fuxiu en 2020.

Así, o rei emérito, durante a súa estancia no Salnés, gozou da vela a bordo da súa embarcación.

Residencia habitual?

Após a pasada visita do emérito en abril, este xornal anunciaba a posibilidade de que o ex monarca español quixese instalar a súa residencia na Galiza e pasar longas tempadas na localidade de Sanxenxo.

O obxectivo, sinala o seu círculo máis próximo, sería preparar o terreo para pasar longas tempadas no Salnés, mantendo o enderezo oficial en Abu Dabi, e así non ter que explicar a orixe do seu patrimonio.