Eme Bañón, Extinction Rebellion: "O cambio global realízase con moitos cambios locais"

A activista Eme Bañón Goiriz diante dun computador coa páxina galega de Extinction Rebellion. (Foto: Nós Diario)
Os movementos mundiais Fridays For Future e Extinction Rebellion (XR) de acción non violenta contra o cambio climático que naceron en Europa entre 2018 e 2019 tamén teñen presenza na Galiza. Ambos participarán nas xornadas de Marzo Medioambiental 2021 da Universidade da Coruña que rematarán o día 19 de marzo, coincidindo co Día Global de Acción polo Clima. Eme Bañón Goiriz é unha activista galega que participa en ambos.

Cal é a idea básica de ambos movementos?

Tentamos chegar a toda a poboación e loitar por ese cambio real, saudábel para todas as persoas e para o planeta. Atopar a saída entre todas. Estamos camiño dun pozo e temos que salvarnos das consecuencias do cambio climático.

Como explicades o cambio climático na Galiza?

Aquí notamos tamén as consecuencias do cambio climático. Podemos mencionar o Amazonas ou o Sáhara e parecernos que son lugares que están moi lonxe. A nivel galego xa estamos sentindo o impacto dos incendios nos bosques, temos máis horas de calor, temos pequenas secas aínda que sexa a nivel puntual. Os fenómenos metereolóxicos que estamos vivindo hoxe en día aumentan en intensidade en relación aos que había antes. Hai máis cicloxéneses, máis días sen chuvias que favorecen os incendios. Non é algo do sur do Estado español, estámolo vivindo na Galiza.

Que parte da responsabilidade de non facer algo máis polo clima teñen as Administracións?

Hai unha responsabilidade colectiva e nese colectivo están as administracións. Non están fóra do colectivo. Son as que promulgan as leis para asegurar o noso benestar e polo tanto son as que teñen que tomar medidas legalmente vinculantes para xerar un cambio. Ademais teñen que axudar á poboación a saber en que situación estamos. Dicir a verdade e non empregar os medios de comunicación para manipular. Eliminar a idea de que non hai solución. Podemos e debemos mudalo. Mais a responsabilidade é colectiva e temos que decatarnos que a nosa forma de vivir non é sostíbel.    

E que parte a sociedade? 

Moita. Mais non queremos focalizar a culpa, sabemos o sistema no que vivimos. Temos un exemplo na mobilidade coa posibilidade de empregar o transporte público e decatámonos logo de que hai problemas de horarios nos trens ou nos coches de liña. Sabemos que deberíamos facer un consumo sostíbel dos alimentos. Moitas facemos un esforzo para mercar produtos locais ou a granel. Sentímonos ben mais sabemos que é moito máis doado ir ao supermercado, por vivir afogado polo traballo ou vivir en zonas sen outra posibilidade, e mercar algo que fai miles de quilómetros. Sabemos que é complicado tomar esas medidas.         

Estariades dispostas á desobediencia civil como noutros países? 

A nosa primeira intención é realizar charlas para que a xente participe. Moitas veces queixámonos mais non actuamos. Desde a desobediencia civil directa non violenta, na que non empregamos as mesmas ferramentas que utiliza o sistema que emprega a imposición. Queremos empregar actos públicos masivos como se fixeron no Reino Unido e provocar cambios. Aquí, na Galiza, tamén estamos por ese tipo de accións nas rúas que visibilizan a problemática. 

Somos conscientes que na situación actual de pandemia da Covid-19 houbo unha desmobilización xeral. Aínda así fomos quen de realizar pequenas accións como a que fixemos perto na Alameda de Compostela ou outra en Vigo cunha cadea humana até o edificio dun xornal da cidade. O cambio global realízase con moitos cambios locais. Falamos dun cambio global como de algo que ten que pasar en todas as cidades e vilas. En todas temos que coidarnos máis entre nós e o planeta. Non nos vale de nada se aquí facemos ben as cousas a nivel alimentario e en Castela-A Mancha instalan unha macrogranxa de leite que despois chegará aquí.