Redes sociais

Elon Musk muda as regras de Twitter e limita o número de chíos diarios que podes ver

Elon Musk, propietario da rede social Twitter. (Foto: Adrien Fillon).
Non eran problemas de funcionamento, era a entrada en vigor de novas restriccións. As deficiencias no uso da plataforma que este sábado 1 de xullo reportaron miles de persoas usuarias en todo o mundo atendían a unha decisión deliberada do propietario de Twitter. 

Ninguén esperaba un cambio desta magnitude, mais Elon Musk confirmou que haberá límites de visualizacións de chíos diarios en función do tipo de conta de cada persoa usuaria. 

Trátase, segundo anunciou a través da propia plataforma, dunha medida temporal para atender "os extremos niveis" de extracción de datos que está a sufrir a rede social ultimamente. 

Así, as contas verificadas (con Twitter Blue) poderán ver un máximo de 6.000 chíos ao día. As contas non verificadas (sen Twitter Blue) poderán ver un máximo de 600 chíos ao día. E as contas acabadas de crear e sen verificar poderán ver até 300 chíos ao día.

Na práctica, as usuarias que non estean subscritas a Twitter Blue verán moi limitada a visualización diaria de publicacións. Chegadas ao tope fixado perderán o acceso a novos chíos e non os poderán ler.

Confusión

Foi o chasco co que se encontraron este primeiro de xullo, usuarias de Twitter de todo o mundo. Entre o susto e desconcerto empezaron a percibir un cambio que resultou colectivo e que lonxe de responder a un fallo do sistema da plataforma, tiña a súa orixe nas ocorrencias de Elon Musk.

A decisión de limitar os chíos que se poden ver nun día sorprendeu e incomodou a partes iguais a comunidade da rede social, que xa comezara da denunciar anomalías no uso habitual da rede social e a compartir unha mensaxe que se repetía e que ninguén entendía: "Sentímolo, tes unha taxa limitada. Por favor agarda uns intres e téntao de novo".

Sen concretar enfrontamento polo aproveitamento de datos de Twitter, quen primeiro van empezar a pagar un suposto uso desmedido son as persoas usuarias

O erro do sistema non era tal, senón a posta en marcha dun novo paquete de restriccións.

O límite xa se aplica tanto na versión de escritorio como na aplicación móbil de Twiter, sen que Elon Musk e a súa compañía de microblogging expliquen como contabilizan a visualización ou lectura dun chío.

Manipulación e eliminación de datos

"Para abordar os niveis extremos de eliminación de datos e manipulación do sistema, aplicamos os seguintes límites temporais", xustificou Musk. Mais, a que se refire?

O magnate asegurou no pasado que varias empresas están a usar datos de Twitter para o seu propio beneficio, mesmo acusou Microsoft de usar máis datos da rede social dos que ten permitido, por exemplo, para adestrar ferramentas de intelixencia artificial.

Neste sentido, importa a accesibilidade aos datos, a cantidade de datos utilizados pero tamén como e para que se usan. E a proba está na decisión adoptada nas últimas horas, sen concretar nin abrir enfrontamento ningún con ningunha corporación polo aproveitamento de datos de Twitter, quen van empezar a pagar un suposto uso desmedido son as persoas usuarias.

Será temporal, di Musk, mais até cando van estar activos os límites anunciados?