Elias Torres: "Hai que pensar o turismo desde a comunidade local"

Elias Torres (Foto: Nós Diario).
Elias Torres Feijó, director e investigador principal do Grupo Galabra da USC, coordina desde 2011 un equipo multidisciplinar que estuda os impactos dos Camiños de Santiago na comunidade local compostelá. A piques de iniciar un novo estudo sobre este tema, conversa con Nós Diario ao redor da turistificación.  

O turismo é unha ameaza ou é un aliado en Santiago?
Todo depende do tipo de turismo. Habería que ver que cantidade e tipo de presenza turística ten que ter Santiago para obter determinados beneficios, por exemplo económicos. Se é masivo habería que preguntarse quen se beneficia. Á comunidade ou determinados sectores? Xera emprego e, se é así, de que tipo? Todo sen estar secuestrados coa idea de "ou turismo ou nada".

Traballando sobre a comunidade local detectamos, con datos de 2013 a 2015 e cun control que fixemos en 2018, que hai un crecente malestar. As persoas abandonaban determinadas áreas de Santiago, sobre todo da zona vella, como son as prazas e rúas próximas á catedral. Pola contra, hai unha gran satisfacción nos sectores comerciais que é menor na poboación en xeral e que decae nalgunhas áreas de Santiago que son as máis afectadas pola presenza dun determinado turismo. Neste caso ven o turismo como unha ameaza.

En 2015 había 28% que se sentía molesta coa presenza do turismo por afectar o seu modo de vida

En 2015 había 28% que se sentía molesta coa presenza do turismo por afectar o seu modo de vida. Queremos realizar unha investigación agora entre 2022 e 2023 para contrastar esas cifras. Teño a impresión que ese malestar creceu. Non esquezamos que se inviste moito en promoción e nada en coñecemento da situación. 

Que responsabilidade teñen as Administracións, local e galega, para atraer turismo responsábel e, se cadra, non masificado?
Depende do discurso que se emita. Se é "veña a facer o Camiño de Santiago" ou  "a meta é Santiago", a comunidade local non conta, fica invisibilizada e non existe para os visitantes. Só existe para o gasto nun hotel ou nun souvenir. Ese visitante ignora a comunidade local e por ese motivo non pensa en que os espazos que emprega son tamén desa comunidade que acaba por ser expulsada deles.

A praza do Obradoiro ten de todo menos presenza da comunidade local. É un gran decorado onde as persoas déitanse ou xantan no chan, fan fotos a un monumento e xa está. Todo iso depende do discurso que emitas.

O problema do turismo, en termos de gasto e do tipo de gasto que fai, non depende do poder adquisitivo da xente. Nin depende do capital cultural que teña, de se ten máis ou menos estudos. Depende da imaxe do lugar. Iso demostrámolo en Santiago.

Se a imaxe é chegar á praza, aloxarse e continuar, iso ten unhas consecuencias. Se o discurso é que hai unha comunidade local que produce unha serie de bens, probabelmente o perfil e os usos do visitante sexan diferentes. 

Existe unha preocupación dos poderes públicos pola sustentabilidade. O problema é o concepto que teñen dela. Antes da década dos 90 había usos de espazos que foron quebrados por un discurso que rachou o equilibrio que existía sobre a idea de Santiago de Compostela. Era unha cidade patrimonial, cultural, universitaria, relixiosa e capital civil da Galiza. Ese equilibrio rachou a favor dun único discurso: é a meta do Camiño de Santiago.

Existe unha preocupación dos poderes públicos pola sustentabilidade. O problema é o concepto que teñen dela

Esa quebra produciu unhas terríbeis consecuencias sobre os usos e os modos de ver a cidade e a súa comunidade local. Pola rúa de San Pedro circulaban polo menos 300.000 persoas ao ano. Ao preguntar aos visitantes por lugares da cidade,  algo máis dun 90% non a citaba. A xente vai a unha meta, non para.

Por iso agora ese barrio é un dos lugares máis conflitivos neste tema. Os poderes públicos teñen que ver que os discursos que fan teñen consecuencias.  

Que solucións deberían adoptarse?
No Quebec, por exemplo, os seus habitantes mercan no mesmo lugar que os visitantes. Hai un equilibrio e ninguén se sinte perturbado. Ademais, os materiais que venden prodúcense alí. Si hai outro tipo de modelos. Se a cuestión está no discurso, haberá que ver que discurso debemos facer, mais desde a comunidade local. Santiago existe por e para a comunidade local. Se ollamos o fenómeno non como unha mina que xera unha serie de beneficios, e pensámolo desde a comunidade local, probabelmente as cousas muden.