Opinión

Quebec e Escocia: non todas as comparacións son odiosas

O nacionalismo español sempre foi remiso a dialogar, a negociar e a pactar. A súa pechazón e a súa intolerancia política levárono sempre a rexeitar o debate sobre solucións que outros ensaiaron con certo éxito. Entre as escusas esgrimidas está a de que cada situación é única e icomparábel, nunha falacia que enmascara a parálise en que o sume a cegueira identitaria. Non queren ver que se todo fose exactamente igual non precisaríamos comparar, cando son as diferenzas, precisamente, as que obrigan a procurar tanto trazos e pautas comúns como fasquías particulares no mundo social ou natural. Analizar e comparar axúdanos a entender e, xa que logo, a procurar respostas e solucións satisfactorias para as dúbidas e problemas que, decote, se nos presentan. E, no caso dos conflitos sociais e políticos, o máis sensato é atender a como os distintos actores os abordan e resolven independentemente das diversas condicións históricas ou das idiosincracias de cada quen.

No Reino de España, cando se trata do problema territorial, as trampas e imposturas identitarias enchoupan o discernimento das institucións mediáticas, políticas e xudiciais, provocando a renuncia á racionalidade e á razoabilidade e imposibilitando deliberacións honestas e respostas democráticas. Porque xa non é que nin se tente aprender de como Canadá ou o Reino Unido asumen esta situación, senón que se chega a mentir ou distorsionar descaradamente a propria realidade. Políticos, académicos, xornalistas e xuíces salientan exclusivamente aquilo que, cren, ampara a "indisoluble unidad de la nación" e omiten ou agachan aqueles argumentos e actuacións que poñen en cuestión a suposta cultura democrática española.

No caso do histórico pronunciamento da Corte Suprema do Canadá, acerca da eventual secesión do Québec, as lecturas hispanas non ven alén dunha referencia á inconstitucionalidade da secesión unilateral. Unha limitación coa que pretenden despachar toda a riqueza da resolución xudicial. Mais, con esta renuncia intelectual, o que se tenta é agachar que no cerne da sentenza está un recoñecemento exemplar do dereito a decidir. Cabe, logo, preguntar que se afirma na sentenza. Vexamos, pois! Segundo a resolución, aínda que Quebec non ostente un dereito á secesión unilateral, cabe exercer a libre determinación  no caso dun proceso negociado entre as partes ou, no seu caso, tras o rexeitamento do Estado a considerar esta demanda lexitima e democraticamente formulada. Para o alto Tribunal a inconstitucionalidade non nega a posibilidade da secesión cando esta é o resultado dunha vontade clara e manifesta, o que obriga a negociar mediante un proceso regrado. Vontade que debe expresarse mediante unha consulta democrática, sen ambigüidades e cuxo resultado positivo e inequívoco obriga a apertura de negociacións para iniciar as reformas precisas. Polo tanto, a ilegal secesión unilateral de Quebec daríase só no caso de que este prescindise tanto da consulta coma do necesario proceso negociador de boa fe. Mais tamén, un rexeitamento unilateral de Canadá lexitimaría a secesión unilateral. Como vemos, estamos diante da expresión dunha solución democrática que ampara as consultas e que levou ao propio Tribunal a razoar que "unha Constitución non pode ser un colar de ferro" que poida perpetuar sine die un estatus xurídico e político.

Con outro modelo político e constitucional, mais tamén coa convicción da solución pacífica e democrática dos conflitos internos, e cun poder xudicial independente que adoita evitar as interferencias políticas, en outubro de 2012 os Gobernos británico e escocés pactaron un referendo de independencia. Coa fin de que o Parlamento escocés puidese realizar a convocatoria, foi preciso artellar unha delegación específica por parte do Parlamento británico. Para a súa realización acordouse aplicar a normativa eleitoral do Reino Unido, fixouse a idade mínima de participación nos 16 anos e, a exemplo canadense, optouse por unha pregunta moi sinxela. Levouse a cabo, sen problemas, o 18 de setembro de 2014.

Leccións de cultura democrática, onde as cuestións da legalidade non supuxeron ningún obstáculo insuperábel cando do que se trataba era de abordar as da lexitimidade democrática. 

Comentarios