É xustificábel o uso de 'electroshock' en pacientes con cadro psicótico? Un xuíz compostelán cre que si

O método do electroshock é fortemente criticado. (Foto: Nós Diario)
O caso refírese a un mozo de 30 anos, orixinario de Arzúa, que permanece ingresado desde inicios de febreiro en Psiquiatría de Conxo tras ser atendido por un cadro psicótico.

Un xulgado de Santiago de Compostela vén de avalar que o persoal de psiquiatría que tratan un paciente ingresado no Hospital do Conxo por un cadro psicótico lle apliquen terapia electroconvulsiva (TEC), unha cuestión á que se opón a familia do novo, alegando que presenta un "risco elevadísimo" de suicidio, segundo os informes médicos e forenses realizados, e que todos os tratamentos previos fallaron.

O caso, dado a coñecer polo diario El Correo Gallego, refírese a un mozo de 30 anos, orixinario de Arzúa, que permanece ingresado desde inicios de febreiro en Psiquiatría de Conxo tras ser atendido por un cadro psicótico.

Dada a situación psiquiátrica do novo, avaliada polos psiquiatras no hospital, e ante o "altísimo risco para a súa vida" que supón a "grave patoloxía" que padece, recolle un auto emitido polo xulgado número 6, determinouse o seu ingreso xudicial no Hospital de Conxo, así como que se lle aplique un tratamento de electroshock. A familia do mozo manifestou a súa oposición a este tratamento e o seu desexo de que o paciente sexa dado de alta.

Con todo, no auto, o xuíz chama a atención sobre que o mozo padece unha "patoloxía grave" que supón un perigo para a súa propia vida, dado que persiste "sintomatoloxía psicótica activa", e que, a maiores, non é "consciente do seu trastorno mental e da necesidade do tratamento pautado", polo que se atopa "imposibilitado" para "decidir no momento actual".

O xuíz, que se basea nos informes de psiquiatría do hospital, así como nunha avaliación forense e nun recoñecemento xudicial do novo, estabelece que existe "un risco grave e inminente para a integridade física do paciente de ser autorizada a súa alta hospitalaria e o seu traslado ao centro proposto polo proxenitor", que é "manifestamente inadecuado de maneira obxectiva para o tratamento que precisa".

Sobre o tratamento proposto polo seu psiquiatra, o auto recolle que, desde o ingreso, tentáronse, sen éxito, "cinco tratamentos orais alternativos" e que os especialistas consideran esta opción está "absolutamente xustificada".

Ademais, subliña que, nos seus recursos ás decisións xudiciais, o pai do mozo "limítase a oporse ao TEC, sendo evidente a falta de conciencia suficiente da gravidade e entidade da enfermidade e trastorno mental" do seu fillo e cualificando a súa decisión de "manifestamente contraria á integridade física e mental do paciente".