ANÁLISE

Eleccións sindicais no ensino público: dous modelos en confronto

O 4 de decembro están convocadas as eleccións sindicais no ensino público non universitario. Un censo de 30.993 docentes elixirá 143 delegadas e delegados de persoal que conformarán, atendendo a un reparto provincial, as catro Xuntas de Persoal. Á provincia de A Coruña correspóndenlle 45 delegadas e delegados, a Pontevedra 43 e a Lugo e Ourense 27 a cada unha. Nesta peza, Anxo Louzao, quen ocupou a Secretaría Nacional da CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, durante 16 anos, ofrece a súa ollada ao respecto.

 

A decisión de fixar no ensino público a provincia como unidade electoral en lugar do centro escolar tivo desde as primeiras eleccións (ano 1987) unha intencionalidade clara: apostar por un modelo de representación sindical afastado dos centros de traballo, co fin de suplantar a vontade do profesorado e sometelo aos intereses do poder. Un modelo que promove a inacción e a desmobilización e impide a participación e a toma de decisións polo conxunto do profesorado. Aplícase un arquetipo de representación que evita o debate e a toma de decisións pola base e resta forza ao profesorado como suxeito activo da negociación colectiva. Estamos ante un modelo de representación sindical pactado, no seu día, co sindicalismo español, por ser o que mellor se adecúa ao paradigma de actuación e práctica sindical domesticada destas organizacións sindicais, entregadas ao poder e contrarias, moitas veces, aos intereses da clase traballadora.

 

O marco lexislativo imposto limita grandemente a mobilización, a acción e a eficacia sindical, pois é evidente que, se a unidade electoral a constituíse o centro docente no canto da provincia, a forza da representación sindical sería inmensa. Enfrontaría con maior eficiencia os embates dados ao ensino público e as agresións aos dereitos do profesorado. Contribuiría a facilitar as conquistas sindicais e faría difícil, por exemplo, acordos fraudulentos, asinados de costas e en contra da vontade do profesorado, tal como sucedeu co acordo retributivo de xullo deste ano, asinado, malia a que só suman unha representación do 26% por CCOO e UXT. Con representación por centro de traballo sería moito máis doado articular mecanismos directos de participación do conxunto do profesorado que impedirían estas fraudes.

 

Ao ensino público, que conta con 30.993 docentes, correspóndelle elixir 143 delegados e delegadas, mentres, o concertado con, aproximadamente, 7.000 docentes, escolle preto de 500

 

Cabe resaltar que a aplicación de distintas normativas con criterios diferentes para as eleccións sindicais no ensino público en no privado (concertado e non concertado) supón unha grande discriminación para ensino público, cuxa unidade electoral, como xa afirmamos, é a provincia, mentres o concertado elixe a súa representación por centro de traballo. A discriminación resulta tan disparatada e inxusta que ao ensino público, que conta con 30.993 docentes, correspóndelle elixir 143 delegados e delegadas, mentres, o concertado con, aproximadamente, 7.000 docentes, escolle preto de 500. Este desaxuste é tan alarmante que de se celebraren eleccións por centro de traballo o ensino público elixiría a redor de 1.575 delegadas das que, aproximadamente, 677 lle corresponderían á CIG, cando hoxe só ten 63, malia contar cunha representación do 46,3%.

 

Incidencia

 

O amplo apoio á CIG-Ensino nas anteriores eleccións faise máis relevante se temos en conta que concorreron seis organización sindicais, que a CIG-Ensino supera en 31,2 puntos a segunda forza sindical (CCOO) e que obtivo a maioría absoluta na Coruña e Pontevedra, que concentran o 78% do profesorado. Por iso, calquera prognóstico que se faga sobre o posíbel resultado das próximas eleccións sindicais debe concluír en que a CIG-Ensino resultará de novo gañadora cunha ampla maioría tanto en votos como en representantes.

 

Elección tras elección, a CIG-Ensino sempre foi acrecentando a súa representación. Todo indica que continuará con esa tendencia ascendente, aínda que non será doado por contar xa cunha porcentaxe de representación moi alta. Se facemos balance do sucedido desde as últimas eleccións sindicais (2014), é dicir, da práctica e actuación sindical desenvolta, das alternativas e propostas educativas e laborais feitas, das accións reivindicativas e campañas levadas a cabo, das mobilizacións e folgas efectuadas, da conflitividade e problemática xerada, podemos afirmar que a CIG-Ensino foi peza clave dinamización ou dirección. Son estes os motivos e razóns que nos levan á conclusión de que é posíbel incrementar os resultados actuais.

 

Nas eleccións no ensino confróntanse dous modelos sindicais antitéticos

 

Nas eleccións no ensino confróntanse dous modelos sindicais antitéticos. O representado pola CIG-Ensino, o único nacionalista, de clase, defensor da soberanía nacional e da autoorganización da clase traballadora galega, con centro de decisión na Galiza, sen interferencias e subordinacións alleas, que se debe, unicamente, aos intereses do profesorado galego e a consecución dun sistema educativo de noso e exclusivamente público. Unha proposta sindical, avalada por unha práctica sindical, reivindicativa, participativa e democrática, na que prima o contacto directo co profesorado, mediante asembleas nos centros de traballo. Un sindicalismo transformador, mobilizador e combativo, contrario ao pacto social, coherente, útil e firme na defensa do profesorado e dun ensino galego, público, gratuíto, laico, democrático e coeducativo. E o dun sindicalismo representado polo resto das organizacións –todas elas de ámbito estatal– que condicionan a súa acción sindical a dinámicas españolas, actúan como verdadeiras sucursais das directrices emanadas de Madrid, rexeitan un modelo educativo galego, desprezan a autoorganización do profesorado e negan os dereitos colectivos do pobo galego. Sindicalismo reformista, colaboracionista e entregado ao poder. Desoe a opinión e a participación do profesorado e suplanta a súa vontade pola decisión das súas cúpulas. Amósanse belixerantes ou, no mellor dos casos, indiferente ante propostas que promovan a normalización lingüística, potencien o marco galego de negociación colectiva ou pretendan avanzar no teito competencial galego.

 

Balance

 

A CIG-Ensino enfronta este proceso de eleccións sindicais cun balance de traballo sindical prolífico e positivo. A acción e a mobilización foi unha constante para combater os recortes laborais e sociais, as rebaixas salariais, o incremento do horario lectivo e para esixir unha mellora da calidade do ensino. Mais, tamén, para denunciar as agresións ao noso idioma, a proliferación dos concertos educativos, nomeadamente os que segregan alumnado por sexo, e a actuación autoritaria da Consellaría. Así mesmo, activou a mobilización para batallar contra o desmantelamento do ensino público, a aplicación da LOMCE e as súas reválidas, para rexeitar os recortes dos cadros de profesorado e para baterse contra os avances da españolización e da extrema privatización.

 

Foron numerosas as campañas da CIG-Ensino como, por exemplo, a presentación da ILP para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e a mellora da calidade do ensino en Galiza, avalada por 23.000 sinaturas e tombada no Parlamento polo PP ou, máis recentemente, a desenvolvida para recuperar os dereitos do profesorado, asinada por 12.000 docentes. Resaltar a súa participación activa en diferentes plataformas, nomeadamente, na Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e en Queremos Galego. Canalizou, así mesmo, a maioría da conflitividade e problemática do ensino e responsabilizouse, case en exclusiva, da axitación sindical e do traballo informativo nos centros. Hoxe, continúa sendo a referencia do profesorado galego para defenderse dos atropelos e abusos das autoridades educativas e para facer fronte a calquera conflito.

 

As claves da confianza que o profesorado depositou en todas as eleccións na CIG-Ensino, sendo diversas, hai que fundamentalas en que o profesorado percíbea tal como é: un sindicato de clase e galego, indomábel, combativo, coherente, eficaz e próximo ao profesorado. O profesorado entenderá que nun momento como este é imprescindíbel continuar a apoiar o sindicalismo que é garantía de firmeza na defensa dos dereitos do profesorado e dun ensino galego e público. Este respaldo, amais de significar unha reprobación e unha emenda á totalidade á política educativa do PP, será a aposta pola coherencia e compromiso dun sindicato empeñado en restabelecer todos os dereitos arrebatados ao profesorado, en lograr unha lei galega de educación e un estatuto galego do profesorado para dotármonos dun modelo educativo propiamente galego. Cantos máis apoios se depositen na CIG-Ensino máis forza se acumulará para avanzar na mellora laboral e profesional do profesorado e para atinxir un ensino galego, totalmente público e gratuíto, laico, coeducativo e democrático.

 

[Esta peza foi publicada no número 322 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]