Eis as chaves da evolución do furacán 'Danielle' e da súa posíbel chegada á Galiza

Mapa de temperaturas do Océano Atlántico e a súa influencia no furacán 'Danielle'. (Foto: Juan Jesús González Alemán)
Os servizos de meteoroloxía seguen con atención a evolución deste fenómeno climatolóxico "anómalo".
  1. Pode chegar á Galiza?
  2. Como afectaría a Galiza?
  3. Como borrasca ten menos perigo?
  4. Chegarán novos furacáns ou borrascas?

Durante a última semana, Nós Diario vén informando da evolución da depresión tropical coñecida como Danielle, que desde a pasada sexta feira está considerada furacán. Baseándose no traballo de divulgación de meteorólogos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) como Juan Jesús González Alemán, estas son as principais chaves deste fenómeno meteorolóxico, primeiro furacán da tempada no Océano Atlántico.

Pode chegar á Galiza?

Os modelos de predición que manexan os servizos de meteoroloxía non descartan que Danielle poida chegar a finais desta semana á Galiza. De feito, é unha posibilidade que cada vez colle máis enteiros, aínda que cunha probabilidade que non supera 20%.

O abano de posibilidades da dirección que poida tomar Danielle lévano desde o norte de Portugal até Groenlandia, aínda que nos últimos días os modelos coinciden en que o seu rumbo máis probábel levaríao a entrar na península.

O European Centre for Medium-Range Weather Forecasts (ECMWF) “estima unha probabilidade entre 10% e 20% de que Danielle se aproxime a menos de 120 quilómetros á costa galega nos vindeiros 10 días”, subliñou o tamén meteorólogo de Aemet Ernesto Barrera.

Como afectaría a Galiza?

É moi cedo para poder asegurar como afectaría a Galiza. González Alemán explicou este domingo que non se poderán saber os efectos de Danielle até que pasen uns días e os servizos de meteoroloxía conten con máis datos sobre o seu comportamento e a súa evolución.

Porén, o escenario que agora manexan os meteorólogos e meteorólogas é que, no caso de chegar á Galiza, Danielle faríao xa en forma de borrasca.

Como borrasca ten menos perigo?

O meteorólogo da Aemet Juan Jesús González Alemán puntualiza que, pese a que é un pensamento moi estendido, unha borrasca ou ciclón extratropical non ten por que ter menor perigo que un furacán.

As probabilidades de que isto ocorra na Galiza con Danielle son agora mesmo mínimas, xa que a maioría de modelos de predición detallan que, no caso de chegar ao país, faríao deixando abundantes choivas e vento, pero non co potencial dunha tormenta tropical.

Chegarán novos furacáns ou borrascas?

Un punto no que están incidindo os meteorólogos nos últimos días é o carácter “anómalo” dun furacán como Danielle. A época do ano e o punto xeográfico no que se formou a depresión tropical son de especial interese para os servizos climáticos.

Non se pode aínda afirmar que este sexa un evento singular ou que poida significar o comezo dunha tempada de borrascas e furacáns cunha afectación cada vez maior na Galiza. Polo de agora, os meteorólogos e meteorólogas deben estudar e avaliar os datos que está achegando Danielle para, posteriormente, achar novas conclusións.