SOCIAL

Educación mantén para o día 25 o reinicio das aulas mais exclúe da volta o profesorado vulnerábel

Reunión da Mesa Sectorial de Educación (CIG-Ensino).
A Consellaría de Educación, após as criticas dos sindicatos, non forzará á incorporación ás aulas o vindeiro día 25 do profesorado de grupos vulnerábeis mentres non se produza un informe da Inspección Médica.

A Consellaría de Educación viuse obrigada a rectificar, após as críticas dos sindicatos do ensino, e non obrigará á reincorarse ás aulas presenciais ao profesorado de grupos vulnerábeis mentres non haxa un informe da Inspección Médica que así o avale. Tampouco terán que voltar aos centros as profesionais que teñan a obriga de custodiar a fillos ou fillas até os 12 anos (incluídos), así como persoas maiores dependentes ao seu cargo.

O regreso ás aulas para alumnas de 2º de Bacharelato e 2º curso de graos medios e superiores de Formación Profesional está prevista a partir da vindeira segunda feira, día 25, se se confirma a entrada da Galiza na fase 2 do plan de desconfinamento do Goberno español. 

A Mesa sectorial de Educación reuniuse esta cuarta feira para abordar o borrador de resolución da Consellaría de pola que se "reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019/2020", no que "se determinan as instrucións para o que resta do presente curso, e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario", segundo trasladan desde o Goberno galego.

"Desbota o esforzo" do profesorado

A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, considera que a Consellaría está actuando con "temeridade" e cunha "absoluta falta de rigor", pois sinala que coas medidas organizativas presentadas por Educación "desbótase todo o esforzo realizado pola comunidade educativa para a implantación da teleformación, incluída a recente adaptación das programacións didácticas".

"O documento que presenta a Consellaría contén instrucións de carácter organizativo para o profesorado e un Protocolo de medidas prevención para a reapertura dos centros educativos. En ningún momento ten en conta a opinión dos equipos docentes sobre a eventualidade e conveniencia da incorporación do alumnado, con que condicións e para que cometido", aseguran desde a CIG-Ensino.

Desde o punto de vista sanitario, a central sindical valora que a proposta de protocolo "non cumpre coa Lei de Protección de Riscos Laborais ao tratar a todos os centros por igual e sen partir dunha análise pormenorizada de riscos en función dos diferentes centros, cando menos por tipoloxía". 

Desde FeSP-UXT consideran que Educación non modificou "demasiado" o texto que levou á xuntanza e ven "insuficiente" a idade das fillas e fillos a cargo (12 anos) pola que as docentes poderán pedir a non incorporación ás aulas. Así, destacan que se incluíra ás menores con discapacidade recoñecida e que dentro dos grupos de risco figuran as embarazadas. 

Volta só nalgúns casos

Así mesmo, critican que o departamento de Carmen Pomar debería pór o foco nas "eivas" do actual funcionamento telemático, para "ser consecuente" coas propias instrucións da Consellaría. 

"De existir unha volta ás aulas esta debe centrarse basicamente no alumnado de 2º de Bacharelato que vaia concorrer á ABAU e só para casos nos que o profesorado teña detectado desconexión ou necesidades de apoio presencial, nunca como unha sorte de volta por completo ás aulas, se así é a vontade do alumnado", aseveran desde a CIG-Ensino, que considera que a volta ten aínda menos sentido no caso da FP.

"Non pode haber unha volta ás aulas revestida dunha falsa normalidade", salientan, para apuntar que non aceptarán "que se produza unha nova sobrecarga de traballo para o profesorado". A mesa sectorial de Educación volverá reunirse na vindeira terza feira, cando tratarán o tema das oposicións de 2021.